23 Nov A Xunta destaca os servizos de dixitalización e Industria 4.0 como claves para a mellora da competitividade empresarial
O director do Igape, Javier Aguilera, salienta a importancia dos apoios aos que as pemes poderán acceder a través do programa ReAcciona-TIC durante a súa intervención na xornada “Claves para a transformación dixital da empresa”. Destaca a promoción de investimentos 4.0, ao abeiro da liña para apoiar a fábrica intelixente, e as axudas á formación neste mesmo eido, así como outros programas en marcha para impulsar a reinvención do tecido empresarial galego.
A Coruña, 23 de novembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá a relevancia dos servizos de dixitalización e industria 4.0 que facilita o programa ReAcciona-TIC como claves para facilitar a mellora da competitividade empresarial, durante a súa participación na xornada técnica sobre as “Claves para a transformación dixital da empresa”.
O director do Igape subliñou que a Xunta está impulsando o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para apoiar a incorporación ás empresas, especialmente ás pemes, das tecnoloxías que resultan imprescindibles para asegurar melloras consolidables nos seus procesos e produtos.
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) organizaron conxuntamente, no ámbito do proxecto Capacita Directivos, a xornada técnica “Claves para a transformación dixital da empresa”, que se desenvolve hoxe na Coruña e que incluíu, entre outros, relatorios sobre as novas estratexias de crecemento baseadas na transformación dixital das empresas, a tecnoloxía e a eficiencia na xestión do capital humano, o marketing dixital e o e-commerce ou a empresa e a ciberseguridade.
Na súa intervención no encontro, o director do Igape sinalou que, a través do programa ReAcciona TIC, as pemes galegas poderán acceder a información especializada e asesoramento sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a industria 4.0. O programa, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega, está aberto á presentación de solicitudes neste momento para facilitarlles ás empresas beneficiarias a incorporación de competencias e novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade.
Así, para o impulso da Industria 4.0, o ReAcciona-TIC inclúe servizos para establecer novas fórmulas de produción e para impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Deste xeito, engadiu, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade.
No eido da empresa dixital, o programa ReAcciona TIC facilitará ademais a prestación de servizos avanzados para promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade. As pemes beneficiarias poderán acceder tamén a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial; ou para a implantación de solucións de marketing dixital que permitan optimizar a presenza das empresas en internet.
Fábrica 4.0
Aguilera salientou que para acelerar o proceso de transformación dixital das empresas a Xunta de Galicia está a impulsar, ao abeiro da convocatoria fábrica 4.0, a implantación nas pemes galegas das tecnoloxías da chamada fábrica intelixente. A Xunta seleccionou, ao abeiro da primeira convocatoria, os proxectos presentados por Ceaga (automoción), o Clúster da Madeira, Clusaga (alimentación) e Asime (aeronáutico). As 38 empresas beneficiarias impulsarán conxuntamente investimentos en tecnoloxías 4.0 cifrados en 7,5 millóns de euros.
O director do Igape lembrou igualmente a primeira convocatoria de axudas á formación 4.0, actualmente en fase de avaliación polo Igape, como un proxecto pioneiro en Galicia para a formación tecnolóxica de traballadores e mandos intermedios das empresas, como unha iniciativa para favorecer o impulso da fábrica intelixente e, polo tanto, a consolidación do novo modelo económico, a chamada Industria 4.0.