fbpx

O servizo de mellora da produción “a fondo”: Entrevista a Mariló Morán de Team and Time

O servizo de mellora da produción “a fondo”: Entrevista a Mariló Morán de Team and Time

“Competir significa ser eficientes en todos os aspectos da nosa actividade”. Esta filosofía está presente ao longo de todas as fases levadas a cabo no servizo de mellora da produción e a cadea loxística do programa Re-acciona. Un servizo prestado pola consultora Team and Time dende o inicio do programa, aló polo ano 2012, e cuxo reto se centra na implantación de melloras cuantificadas orientadas á eficiencia e á redución de custos na cadea loxística.

Entrevistamos a Mariló Morán, socia directora de Team and Time, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?
– A capacidade para ofrecer un valor maior.
– No só importante, considéroo unha obriga, tanto eles por si mesmos como colaborando con terceiros, ben sexa porque non teñen internamente o coñecemento ou porque, aínda téndoo, o día a día da súa actividade non lles permite avanzar nese desenvolvemento.

2. Que beneficios achega o servizo de mellora da produción e a cadea loxística a unha peme? Cales son os máis valorados?

– Destacaría os seguintes: aumento da eficiencia e a redución de custos, diminuíndo os tempos do proceso, eliminando os colos de botella, reducindo os niveis de stock e produtos obsoletos, mediante a mellora da planificación e da programación etc. Incremento da produtividade, por exemplo, coa organización do posto de traballo, coa mellora das condicións do lugar de traballo, evitando desprazamentos innecesarios. Capacitación do persoal para a extrapolación interna de proxectos de mellora no eido da loxística, a produción, a distribución e a almacenaxe.

– Creo que todas na mesma medida, e ademais ven os beneficios antes de rematar o proxecto.

3. Este servizo desenvólvese baixo o enfoque da filosofía Lean, poderíasnos explicar brevemente en que consiste este modelo de xestión?

A filosofía Lean céntrase en eliminar ou diminuír o que non achega valor para quedarse co que si o fai. O termo Lean é magro, sen graxa. Para acadar este fin, temos unha serie de ferramentas que o participante no noso servizo irá coñecendo e poñendo en práctica. Algo que lles sorprende é que se parte da premisa “investimento 0”, é dicir, cos recursos que temos imos achegar e ofrecer máis valor. En definitiva, e ligándoo coa primeira pregunta desta entrevista, imos ser máis competitivos.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

Iniciamos o proxecto coa identificación da mellora na que imos traballar (exemplo: a mellora da xestión do almacén, a xestión de stocks, a organización do posto e do lugar de traballo, a planificación e a programación da produción etc.); facemos unha análise e deseñamos un plan de acción para, finalmente, chegar á implantación. Ademais, ao longo do proxecto, o participante estará recibindo formación tanto específica do traballo que se vai desenvolver con el, coma xenérica en materia da optimización da produción e a cadea loxística.
Quizais o punto máis complicado sexa o momento de seleccionar en que aspecto se centrará o proxecto, polas múltiples opcións de mellora que pode ter a empresa ou o autónomo na súa cadea loxística.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito?

Team&Time é axente colaborador do Igape en Re-acciona dende o ano 2012, polo que poderiamos falar de moitos casos, pero por poñer algún exemplo de resultados acadados podemos falar de diminucións de máis dun 10 % nos niveis de stock, incrementos dun 20 % e un 30 % nos pedidos completos entregados en prazo con sistemas de planificación e control da produción mediante xestión visual, redución de arredor dun 40 % en tempos de busca e desprazamentos a través de metodoloxía 5S´s etc.

Máis que falar eu invítovos a escoitar e ver os propios participantes a través da páxina web do Igape https://reacciona.igape.es/index.php/casos-de-exito/. Induplan, Texas Controls, Feiraco, Casa Grande de Xanceda, Ibercisa, Galman, Confecciones MRF (D-due), Carrocerías Hrnos Rega, Gerca… entre outros moitos contando as súa experiencia.