fbpx

O SERVIZO DE ANÁLISE DO POTENCIAL COMPETITIVO A FONDO: ENTREVISTA A ANA FERNÁNDEZ DE DELOITTE

O SERVIZO DE ANÁLISE DO POTENCIAL COMPETITIVO A FONDO: ENTREVISTA A ANA FERNÁNDEZ DE DELOITTE

A posta en marcha dun servizo Re-acciona supón a implicación tanto da empresa como do axente colaborador no desenvolvemento do proxecto de mellora, o cal garante o éxito nos resultados. Nesta ocasión, entrevistamos outro dos axentes colaboradores que presta o servizo de análise do potencial competitivo nas provincias de Lugo e Ourense, Ana Fernández de Deloitte, para que nos dea a súa visión sobre o devandito servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Consideras importante que unha peme ou autónomo leve a cabo o seu desenvolvemento?

A competitividade é o factor clave do éxito e a sustentabilidade dunha empresa, con independencia do seu tamaño, sector ou actividade. É a capacidade que ten calquera empresa de xerar vantaxes competitivas sustentables, que a fagan especial para que os clientes a elixan por encima da súa competencia. É a consecuencia de “facer as cousas ben”, por iso é imprescindible que as pemes e os autónomos presten máxima atención a ela. Non é algo do que se poidan escapar ou que lles corresponda ás empresas grandes, é a clave para poder seguir traballando día a día, gañando clientes, mantendo os de sempre e xerando unha maior rendibilidade.

2. Que beneficios achega a unha peme ou autónomo coñecer cal é a súa posición competitiva actual? Cales son os máis valorados?

Para poder mellorar é imprescindible facer primeiro unha autocrítica que nos permita saber en que fallamos ou en que aspectos somos fortes. Coñecer o posicionamento competitivo actual da peme é, por tanto, o primeiro paso para poder encarar o proceso de mellora no que se estableza a folla de ruta das actuacións que se deben levar a cabo para poder mellorar en competitividade e, por tanto, facer que a empresa sexa sustentable no tempo.

Os beneficios que se obteñen de realizar esta reflexión conxunta e da obtención do posicionamento competitivo actual son principalmente:

• Favorecer a dirección conxunta, sentando as bases dun potencial comité de dirección.
• Practicar o autodiagnóstico, de modo que sexan os propios directivos os que realicen a análise da súa empresa, co apoio dunha metodoloxía eficaz e dos consultores que actúan como axentes facilitadores en todo o proceso.
• Saber de que punto partimos para poder emprender un camiño de mellora competitiva.

3. Este servizo baséase na aplicación da Matriz T-H, poderíasnos explicar brevemente en que consiste esta metodoloxía de análise?

A metodoloxía da Matriz T-H consiste, basicamente, en analizar como se atopa a empresa en base a dúas dimensións: dimensión T, referida á dimensión técnica da empresa; e dimensión H, referida á dimensión humana desta. Con esta metodoloxía analízanse os diferentes factores de competitividade desde estes dous puntos de vista, chegando a unha valoración total en T e en H, que son, á súa vez, os eixes dunha matriz que nos proporciona un punto de consenso que é o chamado posicionamento competitivo da empresa.

Cada membro do comité de dirección responde o seu propio cuestionario, de modo que valora, segundo o seu punto de vista, eses aspectos T e H, co que se logra entre todos un consenso que permite obter ese punto de posicionamento competitivo.

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

O servizo ten unha duración aproximada de doce semanas, durante as cales teñen lugar catro fases:

Formación inicial, dirixida a todos os membros do equipo de dirección que van participar no proxecto, co fin de transmitirlles as bases e os obxectivos sobre os cales se vai desenvolver.

Diagnóstico da situación actual: consiste na obtención do posicionamento competitivo actual da empresa.

Desenvolvemento do plan de acción para a mellora competitiva: partindo do resultado obtido, os membros do comité de dirección establecerán as accións que se deberían levar a cabo para mellorar a situación actual. Así mesmo, seleccionaranse as accións de mellora temperá (AMT) que son as que primeiro se deben implantar para a mellora competitiva.

Implantación da acción de mellora temperá seleccionada polo comité de dirección, partindo da ficha de AMT que sexa definida polo responsable da súa implantación e durante un período estimado de tres semanas, durante as cales os consultores realizarán tarefas de seguimento semanal para validar os avances conseguidos na implantación.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos sobre algunha que resultara para vós un caso de éxito.

Para nós un dos casos de éxito foi Grupo Tecnogap Atlántico, S.L., ao realizar xa dúas veces o APC co fin de poder valorar o grao de avance na Matriz T-H, tras realizalo por primeira vez e implantar gran parte das accións definidas no primeiro plan de acción para a mellora competitiva.

A realización de dúas APC permitiu comprobar o avance conseguido na matriz, co que se confirmou a mellora do seu posicionamento competitivo.