
08 Nov Industria 4.0: en que consiste e cal é o seu impacto na peme?
Coñecida popularmente como a Cuarta Revolución Industrial, a industria 4.0 baséase na transformación dixital e na adopción das chamadas tecnoloxías facilitadoras clave (KET) co obxectivo de establecer un novo paradigma para a industria a través da progresiva dixitalización dos procesos produtivos mediante a implantación de tecnoloxías innovadoras.
Esta nova revolución busca incrementar a flexibilidade na fabricación, mellorar a calidade dos procesos de fabricación e aumentar a produtividade. Para alcanzar estes obxectivos, as pemes necesitan ferramentas e instrumentos que sosteñan o seu proceso de remodelación continua para facilitar a colaboración e a comunicación entre os diferentes actores das cadeas de valor dos seus produtos-servizos. Pero, que caracteriza exactamente esta nova tendencia? Os factores principais son catro:
• A conexión vertical en forma de rede: estas redes permiten darlles unha resposta rápida aos cambios dinámicos acontecidos na demanda ou stock ou nos fallos que poidan ocorrer. Os sistemas ciberfísicos están interconectados entre eles e cos traballadores, directivos, desenvolvedores, provedores, clientes… e ata co propio produto unha vez vendido, grazas á internet das cousas e ao cloud computing.
• Virtualización, referida á creación, a través de software, dunha versión virtual dalgún recurso tecnolóxico. No caso da industria, o mundo real da planta é capturado por sensores, creando unha imaxe virtual que está, á súa vez, conectada a modelos de simulación, aplicacións de análises preditivas e software para a axuda na toma de decisións.
• Reacción en tempo real: a captura de información, o seu procesado e as decisións tomadas respecto diso realízanse en tempo real.
• Orientación ao cliente: a arquitectura da industria 4.0 está deseñada para establecer un feedback directo entre o usuario, o produto e o deseñador deste.
A pesar de todo o que se podería lograr coa transformación que implica esta revolución industrial, a realidade é que as nosas pemes están lonxe de explotar ao máximo os beneficios que lle ofrece a industria 4.0, debido principalmente ao descoñecemento sobre a implantación das novas tecnoloxías. É precisamente baixo o obxectivo de evitar este descoñecemento e impulsar a adopción desta tendencia no tecido empresarial galego polo que se crea o servizo de diagnose de capacidades e oportunidades para a aplicación da industria 4.0 do programa Re-acciona TIC. Este servizo permite determinar a situación actual da empresa e as necesidades reais desta para a implantación de solucións tecnolóxicas orientadas á industria 4.0.
Amplía a información sobre este servizo na web do programa.
Fonte: https://www.industria-cuatro-cero.es/; http://geinfor.com/blog/industria-40/; www.certsi.es