fbpx

Pautas para a elaboración dun bo currículo dixital

Pautas para a elaboración dun bo currículo dixital

Un dos pasos fundamentais, previo á presentación dunha candidatura, é a elaboración do currículum vitae, ese documento onde se resume a formación e a experiencia da persoa que desexa facerse co posto de traballo. Moitas veces convértese nun pequeno quebracabezas, sobre todo para os novos titulados que non teñen moi claro que é o que deben reflectir no documento e como facelo. A maiores, aparece a necesidade de dixitalizar o currículo para facelo máis rechamante de cara ao recrutador.

A continuación expomos unha serie de pautas que cómpre ter en conta para a elaboración correcta do currículum vitae para a era dixital:

Incluír ligazóns que demostren o expertise: calquera tipo de experiencia pode e debe mostrarse, pois enriquece de forma indirecta o currículo, dende a participación como voluntario dunha ONG ata a participación na organización dun acto. O importante é inserir ligazóns a vídeos, artigos… que se sexan relevantes e que apoien as responsabilidades e os logros que se citan no documento. Todo o anterior axudará a sobresaír dalgún modo entre o resto de candidatos.

Mostrar os diferentes perfís dixitais: a pregunta é a seguinte: quen non está presente nalgunha rede social? Non é necesario dar os datos de todos os perfís nos que estamos dados de alta, senón mostrar os que temos máis traballados e que poden achegar algo positivo (creatividade, conduta profesional, comunicación). Unha idea é utilizalos para acompañar os datos de contacto do noso currículo.

Sincronizar os datos do CV cos datos de LinkedIn: hoxe en día, o talento está na rede, e a rede social profesional máis popular do momento é, sen lugar a dúbidas, LinkedIn. Debemos ser coidadosos á hora de plasmar os datos nesta plataforma, pois non resulta nada oportuno que a descrición do noso perfil non coincida coa que se plasmou no currículo adxunto.

Engadir palabras clave: é importante que o noso resumo de cualificacións inclúa diversas palabras clave que describan as diferentes habilidades coas que contamos. Desta maneira, os recrutadores poderán ver non só que habilidades ou programas dominamos, senón como os utilizamos para o beneficio de empregadores anteriores (para incrementar as ganancias ou para deseñar un novo produto). Tamén se podería incluír indistintamente unha sección de “palabras clave” onde se relacionen os termos elixidos nun bloque sen contexto.

En resumo, na era dixital xa non é suficiente con ter un bo currículo en texto senón aplicarlle unha certa “transformación electrónica”, pois o currículo debe estar presente na rede e debemos facilitar a súa localización a través de palabras clave nos termos de procura. E o que é máis importante, non só resulta ideal para atopar emprego, senón tamén para crear a nosa marca persoal.

Fonte: Entrepeneur; ehowenespañol