26 Oct A Xunta convoca as axudas para desenvolver servizos que faciliten o impulso da empresa dixital e da Industria 4.0
O Igape e a Amtega impulsan conxuntamente a convocatoria, destinada a facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade
A primeira convocatoria quedará aberta á presentación de solicitudes, a través da web do Igape, o próximo 31 de outubro, e irá seguida doutras tres en decembro deste ano e en xaneiro e marzo de 2017
As pemes poderán acceder a un prezo reducido a servizos de asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión, marketing dixital, automatización ou sustentabilidade dos contornos produtivos
Mércores, 26 de outubro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras das axudas para desenvolver un catálogo de servizos que faciliten o impulso da empresa dixital e da incorporación de solucións propias da Industria 4.0 nas pemes galegas. A convocatoria está impulsada de maneira conxunta entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
De acordo coa resolución publicada hoxe, o próximo 31 de outubro, e durante un mes, estará aberta a primeira convocatoria de servicios do programa Reacciona TIC, que irá seguida de sucesivas convocatorias en decembro de este ano e en xaneiro e marzo de 2017 co obxectivo de facilitar máis de 400 servizos orientados á modernización e innovación coa finalidade de incrementar a competitividade e a produtividade. As solicitudes presentaranse de forma telemática na web do Igape. Os servizos seranlles facilitados ás pemes beneficiarias a custos reducidos por axentes colaboradores especializados.
Empresa dixital
No ámbito da empresa dixital, a convocatoria facilitará a prestación de servizos avanzados orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa.
As pemes beneficiarias poderán acceder igualmente a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de marketing dixital que permitan optimizar a presenza da empresa en internet.
Industria 4.0
Para o impulso da Industria 4.0, e no marco do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o catálogo contempla servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.
Deste xeito, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos. Neste ámbito tamén se ofrecerá apoio para incorporar solucións de índole organizativa e/ou tecnolóxica, para a xeración de modelos e realización de procesos de simulación industrial.
Convenio Amtega-Igape
Mediante un convenio de colaboración asinado entre Amtega e Igape, a Xunta suma esforzos e recursos para impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia a través da convocatoria de axudas publicada hoxe, desenvolvendo así actuacións de impulso á empresa dixital e á Industria 4.0.
Este acordo reforza a aposta da Xunta pola incorporación efectiva e continua das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da comunidade, a través do programa Reacciona TIC, que conta cun orzamento conxunto de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola Amtega e 1,11 millóns polo Igape. As achegas das dúas entidades colaboradoras fan posible a oferta dun catálogo unificado de servizos ás pemes para a diagnose, asistencia e soporte na implantación de solucións e servizos de mellora competitiva nos ámbitos de empresa dixital e Industria 4.0.
Este catálogo de servizos está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.
Esta actuación enmárcase no establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a aceleración da economía dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na comunidade. A aposta converxe co encomendado na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade.
Fonte: AMTEGA