
20 Oct Como lograr a incorporación exitosa dos novos talentos na empresa?
Á hora de introducir novos titulados para traballar nunha empresa é importante ser conscientes de que esta será a súa primeira experiencia laboral, polo que cómpre facilitarlle a súa incorporación ao cadro de persoal.
Contar cun bo ambiente de traballo, ademais dunha boa planificación para o seu posto, posibilitaralle a este novo membro do equipo dar o mellor de si e proporcionaralle o valor necesario á empresa que axudará a acadar os obxectivos propostos con esta contratación. Por iso, se a túa organización está a piques de incorporar novos talentos debería tomar nota das seguintes recomendacións:
• Identificación previa dos postos ou tarefas que precisan dun apoio de persoal, para que o bolseiro teña a oportunidade de axudar a desenvolver o traballo da empresa. É importante detectar áreas onde un novo titulado poida achegar a súa frescura.
• Nomeamento dun titor/responsable: o bolseiro debe ter un titor que lle axude a adaptarse á empresa, que o ensine a realizar as súas tarefas e a quen o novo traballador poida acudir en caso de precisar axuda. Este titor debe ser unha especie de mentor para o empregado e grazas á súa experiencia enriquecerao con novos coñecementos.
• Fomento da proactividade: débese potenciar a proactividade do novo empregado, proporcionándolle retos e tarefas que lle permitan mellorar profesionalmente. Estes desafíos conseguirán a motivación necesaria para que o bolseiro achegue todo o seu coñecemento e as súas novas ideas.
Estas prácticas son a base para facer que un bolseiro se atope a gusto, motivado e ilusionado con esta etapa profesional. Non obstante, só con isto non é suficiente. Existen cuestións como os valores, as crenzas, a forma de traballar da empresa… que debería compartir o novo empregado; pero isto non se pode ver ata que leve un tempo nela.
En definitiva, os primeiros pasos que se dan para a adaptación do novo empregado na empresa marcarán o futuro deste. Posiblemente, se damos ben estes pasos e atopamos alguén adecuado para o posto, poderemos formar un traballador que desempeñará un labor importante na nosa organización.
Fontes: www.emprendedores.es; www.eleconomista.es