
13 Oct Os novos titulados e as competencias máis valoradas polas empresas
É ben coñecida a dificultade pola que pasa para atopar traballo todo aquel que remata os seus estudos. Este é un dos motivos que converte as prácticas profesionais nunha das mellores maneiras de iniciarse no mundo laboral.
Situándonos no momento da incorporación a ese primeiro traballo, saberiades dicir cales son as competencias que máis valoran as empresas á hora de contratar un candidato? A continuación achegamos unha selección das máis buscadas:
1. Actitude: mostrar sempre unha actitude positiva é fundamental para desempeñar o traballo diario e leva, por conseguinte, a unha maior produtividade. Ademais, a vida laboral forma parte da nosa vida cotiá e, se a vemos como parte do proceso de crecemento, a nosa mentalidade cambiará e incluso influirá positivamente nas persoas que nos rodean.
2. Capacidade de aprendizaxe: a empresa xa conta con que non sexas un experto, sobre todo, tendo en conta que estás comezando no mundo da empresa, pero o que si valorará son as túas ganas de aprender e mellorar no teu traballo.
“Somos o que somos máis as posibilidades que atopemos dentro de nós.” (José Antonio Marina)
3. Responsabilidade: non por ser novo na empresa estás exento de responsabilidades. Non vexas o traballo como algo “de paso” por estar en prácticas ou de bolseiro. Ao entrar a formar parte do equipo, que vexan que te ocupas do correcto desempeño das túas tarefas diarias di moito de ti, e iso terase en conta no futuro.
4. Traballo en equipo: trátase dunha das competencias máis solicitadas nas ofertas de emprego actuais, e o certo é que cada vez se lle dá máis importancia a que os empregados sexan capaces de traballar comodamente de xeito conxunto con outros compañeiros ou departamentos. É imprescindible ter en conta que o noso traballo é só unha parte dun todo na empresa, e que ese todo se compón dun conxunto de accións colectivas.
Fonte: primerempleo; universia