12 Feb Feijóo destaca a utilidade do programa Re-Acciona que, cunha mobilización de 6 millóns de euros, proporcionou nos primeiros doce meses 384 servizos ao tecido empresarial galego para facelo máis competitivo, innovador e abrir novas vías de mercado
No eido da competitividade, salienta a Lei do emprendedor e as liñas de axuda do Igape que, nos últimos cinco anos, permitiron conceder apoios por preto de 600 M€ e mobilizar investimentos por un valor superior aos 2.300 M€
Afirma que Galicia é a primeira comunidade en utilizar fondos Feder e fondos propios en materia de innovación en todas as convocatorias europeas e estatais
Avoga por seguir apostando por unha maior internacionalización, convencidos de que abrir novos horizontes é reducir a dependencia das empresas do mercado interno e convencidos de que cando as grandes empresas invisten en Galicia están convertendo a comunidade nun lugar de referencia no mundo
Lembra algúns indicadores que mostran que iniciamos timidamente o camiño da recuperación, e destaca que Galicia é a comunidade de España onde máis creceu o índice de produción industrial, un 3,4%, mentres que en España decrece un 1,8%
Santiago, 12 de febreiro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o éxito e a utilidade do Programa Re-Acciona que, cunha mobilización de 6 millóns de euros, proporcionou nos seus primeiros doce meses de vida un total de 384 servizos ao sistema empresarial galego para facelo máis competitivo, innovador e abrir novas vías de mercado.
Durante o acto da xornada Re-Acciona. Un camiño de competitividade para as empresas galegas, Feijóo recoñeceu o esforzo da sociedade galega, dos emprendedores, dos autónomos, das familias e dos traballadores por “ser conscientes de que superar a crise nada ten que ver con soportar como se poida o paso do tempo ata a recuperación, senón con adaptarse a unha realidade económica”. “Fortalecer as perspectivas das empresas non podía limitarse a axustar as contas, a facer números no ámbito puramente financeiro, senón que había que ir máis aló: avaliando as debilidades, descubrindo procesos que as fixesen máis competitivas, mellorando a imaxe corporativa, e abrindo novas vías de mercado”, subliñou, ao que engadiu que nese exercicio estiveron acompañados pola Xunta de Galicia, “mobilizando -incidiu- 6 millóns de euros de diñeiro público e propoñendo e facilitando 100 bolseiros as pequenas e medianas empresas galegas”.
Logo de destacar que o 99% das empresas participantes puxeron en valor a utilidade do proxecto, o titular do Executivo autonómico avogou por continuar con esa vontade compartida por mellorar e ser máis competitivos.
Nesta liña, garantiu o compromiso do Goberno galego no camiño dunha maior competitividade das empresas, a través das distintas liñas de axuda do Igape que, nos últimos cinco anos, permitiron conceder apoios por preto de 600 millóns de euros e mobilizar investimentos por un valor superior aos 2.300 millóns e, tamén, coa Lei do Emprendedor recentemente aprobada. “E non abandonamos o camiño da innovación. E Galicia é a primeira comunidade autónoma en utilizar fondos Feder e fondos propios en materia de innovación en todas as convocatorias europeas e estatais”, engadiu.
Así mesmo, aseverou que o Goberno galego seguirá apostando por unha maior internacionalización das empresas, convencidos de que abrir novos horizontes é reducir a dependencia das empresas do mercado interno e convencidos de que cando as grandes empresas invisten en Galicia están convertendo a comunidade nun lugar de referencia no mundo.
Se ben aínda queda moito camiño por percorrer, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención referíndose a algúns indicadores que mostran que iniciamos timidamente o camiño da recuperación, e asegurou que “por fin pechamos o camiño da caída libre dos indicadores económicos para iniciar o camiño tenue pero de recuperación”.
Neste sentido, lembrou que o IPI do ano 2013 acredita que Galicia é a comunidade de España onde máis creceu o índice de produción industrial, un 3,4%, mentres que en España decrece un 1,8%.
Feijóo expresou o seu orgullo de que Galicia fora unha das primeiras comunidades autónomas en darse conta de que facía falta unha nova mentalidade, e unha das primeiras que intentou levala á práctica.
Neste sentido, lembrou que esa nova mentalidade implantouse no ámbito político, cunha Xunta que leva cinco anos apostando por unha forma de administrar os recursos públicos, intentando blindar a solvencia do país e a eficiencia das contas públicas e, así, os servizos públicos e o autogoberno. “Pero non foi unha cuestión exclusiva da Xunta, senón que xurdiu no mundo social e económico”, aseverou, logo de referirse a esta xornada como unha proba palpable de que esa necesaria transformación está a darse no conxunto de Galicia, “e -o máis importante- que nesa nova mentalidade se embarcaron tamén os axentes fundamentais para a recuperación como son os emprendedores”.