fbpx

O Igape inicia a especialización dos 135 novos titulados que poderán acceder ao mercado laboral coas bolsas Reacciona

 O director xeral do Igape abriu a primeira xornada formativa cos bolseiros que participarán na implantación de proxectos de mellora no tecido empresarial e que se especializarán en cooperación empresarial, competitividad ou internacionalización. Javier Aguilera destaca que xa foron contratados por empresas un terzo dos titulados que remataron o seu período como bolseiros Reacciona ao abeiro da convocatoria anterior.

 Santiago, 17 de xaneiro de 2014.– O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, participou hoxe no primeiro encontro formativo cos 135 novos bolseiros seleccionados pola Consellería de Economía e Industria para colaborar na implantación dos servizos avanzados de mellora da competitividade facilitados ao tecido empresarial mediante o programa Reacciona, onde salientou que un terzo dos titulados que remataron o seu período como bolseiros ao amparo da convocatoria anterior xa están contratados polas empresas participantes.

No primeiro encontro formativo da nova convocatoria, o director xeral do Igape salientou que as novas bolsas permitirán que cada un dos titulados seleccionados teña a oportunidade de participar, no ámbito do programa Reacciona, na implantación de proxectos de mellora competitiva en varias pemes, para mellorar así as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

Nesta convocatoria está previsto, asemade, que poidan realizar as prácticas en clusters empresariais e entidades colaboradoras da Unidade Galicia Emprende, nas que adquirirán coñecementos sectoriais ou acerca do proceso de análise de proxectos e apoio aos emprendedores. Entre os bolseiros seleccionados destacan os titulados en administración e dirección de empresas (48%) ou en diferentes ramas de enxeñaría (33%).

Aguilera Navarro destacou o potencial deste programa, cofinanciado a través do Fondo Social Europeo, para promover a mellora da competitividade das pemes galegas e para facilitar, ao tempo, o acceso de novos titulados ao mercado laboral. O director do Igape felicitou aos bolseiros seleccionados logo dun proceso no que se avaliaron máis de 500 solicitudes, e adiantou aos novos titulados que o desenvolvemento do Reacciona vailles permitir participar activamente, baixo tutela do Igape e das empresas especializadas tamén seleccionadas no marco do programa Reacciona, na implantación dos servizos avanzados nas compañías ou entidades que os soliciten.

Os bolseiros seleccionados na anterior convocatoria están a avaliar moi positivamente a súa participación no programa, que lles permitiu participar no deseño e aplicación de plans de negocio e programas de mellora, na elaboración de informes de vixilancia competitiva ou na procura de clientes ou importadores para as empresas nas que colaboraron para contribuír á mellora da súa competitividade.

O plan de formación e especialización integrado no plan Re-Acciona vai incrementar as posibilidades dos 135 bolseiros que hoxe comezaron o seu proceso formativo para acceder ao mercado laboral, ben nas consultoras e asociacións empresariais coas que colaborarán, ben nas empresas receptoras dos servizos ofrecidos ou ben noutras empresas que saiban valorar no futuro a experiencia práctica que acumularán os bolseiros durante o proceso. Os bolseiros iranse incorporando aos proxectos en datas próximas, en función da demanda de servizos e das súas propias titulacións, para procurar a súa colaboración nos proxectos de mellora máis acordes coa súa formación.

No seu conxunto, o Programa Reacciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros, durante dous anos. Con este Programa, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade e impulsará a implantación de servizos avanzados de alto valor engadido, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na estratexia e na xestión das empresas beneficiarias.