29 Aug Economía e Industria aposta polo ‘Plan ReAcciona’ como ferramenta clave para o impulso da competitividade nas pemes
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou en Trabada as instalacións da empresa Laminados Villapol, que ten incrementado a súa produtividade grazas a este programa
Aguilera lembrou que o plan, que facilita diagnósticos e servizos para localizar e traballar nas debilidades en materia de competitividade así como o potencial de internacionalización, permanece aberto á presentación de novas solicitudes
Esta liña de axudas, que impulsa a Consellería a través do Igape, conta cun orzamento de 5 millóns de euros e ten unha duración de 2 anos
Trabada (Lugo), 29 de agosto de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá, durante a visita ás instalacións de Laminados Villapol, a importancia do Plan ReAcciona na mellora da competitividade das pemes galegas. Un plan que, segundo salientou, permanece aberto para recibir novas solicitudes das empresas interesadas, e que busca achegar diagnósticos e servizos para que estas localicen e melloren as súas debilidades en materia de competitividade, en diferentes ámbitos de xestión, así como amosar o seu potencial de internacionalización.
Estes servizos prestados están dirixidos polo Igape, que conta coa colaboración de expertos nas diferentes áreas de xestión e coa participación dun cento de bolseiros. Mediante o programa, as pemes poden acceder a un conxunto de dez servizos avanzados destinados a facilitar o desenvolvemento estratéxico, a optimización dos procesos produtivos ou relanzamento, entre outros.
O obxectivo é facer accesibles ás pemes servizos de alto valor engadido orientados á adquisición de competencias por parte do capital humano da empresa, como fonte de creación de vantaxes competitivas sostibles.
Neste sentido, a empresa Laminados Villapol, que exporta a maior parte da súas producións a Centroeuropa, tense beneficiado do programa realizando un diagnóstico que detectou a necesidade de introducir melloras centradas en determinar a produtividade dos traballadores e a forma de vinculala á súa retribución, así como establecer mecanismos para controlar os niveis de stock de produto intermedio entre as distintas máquinas.
O director do Igape subliñou que o ReAcciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e ten unha duración de 2 anos. Con este programa, o Instituto prevé realizar máis de 2.000 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade, ao tempo que facilita a implantación de servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias.