fbpx

Economía e Industria pon en marcha novos grupos formativos para pemes que apostan por mellorar co programa Reacciona

As empresas con intencións de acollerse ao programa de servizos avanzados poden inscribirse ata o próximo luns para comezar de inmediato

Santiago, 14 de xuño 2013.- As pemes galegas que teñan decidido acollerse ao Plan ReAcciona para iniciar de inmediato a implantación de proxectos de mellora da súa competitividade, poden inscribirse a través da web do Igape ata o próximo luns. Neste contexto, a semana próxima, o Igape prevé poñer en marcha novos grupos formativos para impulsar a implantación dunha nova ondada de proxectos.

Así mesmo, aquelas empresas interesadas en coñecer a súa situación competitiva ou en impulsar proxectos de mellora ao amparo do Plan ReAcciona, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, poden presentar as súas solicitudes na páxina http://www.igape.es/reacciona en calquera momento.

Na actualidade hai xa varios centos de empresas que confiaron no plan Re-Acciona e están a desenvolver proxectos de mellora, logo de coñecer ás súas debilidades mediante os correspondentes diagnósticos previos. Os primeiros proxectos de mellora rematados ou que están a punto de rematar revelan que se trata de servizos con utilidade real para as pemes participantes; tamén serven para que o Igape coñeza de primeira man a realidade das empresas e poida contrastar os efectos dos seus apoios para a mellora da competitividade.

O plan ReAcciona está deseñado para achegar, nunha primeira fase, diagnósticos gratuítos para que as empresas localicen as súas necesidades de mellorar a competitividade en diferentes ámbitos de xestión e a que coñezan o seu potencial de internacionalización. Ademais, orienta ás empresas que precisen impulsar a implantación de proxectos de mellora cara aos servizos avanzados que poidan resultarlles de maior utilidade.

Mediante o programa, as pemes poden acceder a un conxunto de dez servizos avanzados destinados a facilitar o desenvolvemento estratéxico, a optimización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar, entre outros. O obxectivo final do programa é favorecer a profesionalización e a mellora na xestión das pemes galegas.