fbpx

Economía e Industria mantén activada a oferta de servizos avanzados do plan ReAcciona para mellorar a competitividade das pemes

O prazo de presentación de solicitudes está aberto de forma permanente na web do Igape, que organiza grupos de formación previa á implantación de plans de mellora á medida das necesidades das empresas

Máis de 200 empresas confiaron xa no programa Re-Acciona e están a desenvolver proxectos logo de coñecer ás súas debilidades mediante un diagnóstico previo

Santiago, 31 decembro de 2012.- Facilitar o acceso a servizos de alto valor engadido con potencial para facilitar a mellora da competitividade das pemes galegas é o obxectivo fundamental do Plan ReAcciona, que o Igape mantén activado para a presentación de novas solicitudes.

Nunha primeira fase, o plan ReAcciona está especialmente deseñado para achegar, diagnósticos gratuítos para que as empresas coñezan o seu potencial de internacionalización ou para que localicen as súas necesidades de mellorar a competitividade en diferentes ámbitos de xestión. Nunha segunda fase, o plan orienta ás empresas que precisen impulsar a implantación de plans de mellora cara aos servizos avanzados que poidan resultarlles de maior utilidade.

Este programa facilita servizos orientados a achegar novas competencias e habilidades para o capital humano das empresas. Xa se acolleron ao plan máis de duascentas empresas que están en diferentes fases de implantación dos seus programas de mellora. Entre as empresas beneficiarias figuran Proyfe, Cye, Confecciones Guerral, Construcciones Pardiñas, Empresa Montañesa, 2mares Demil, Visual Trans ou Maderas Villapol, que colaboraron co Igape para explicar as súas experiencias en xornadas técnicas nas que informaron a novas empresas interesadas.

Os servizos prestados a través deste plan están dirixidos polo Igape, que conta coas achegas de expertos destacados nos principais ámbitos de xestión empresarial; ao tempo, o Instituto facilita a colaboración de novos titulados que, como bolseiros, se especializan e adquiren experiencia durante o proceso.

Mediante o plan, as pemes galegas poden acceder a un conxunto de dez servizos avanzados destinados a facilitar o desenvolvemento estratéxico a optimización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar, entre outros.

O prazo de solicitude dos servizos ofertados a través do plan Re-Acciona está aberto de forma permanente, a través da web do Igape. A medida que se rexistran un número axeitado de solicitudes, o Instituto organiza grupos formativos que conforman o punto de partida para a implantación de plans de mellora á medida de cada unha das empresas solicitantes. Deste xeito, o Re-Acciona minimiza os riscos de acometer o proxecto de mellora mediante un esquema de formación previa, a partir da cal, e unha vez coñecidos e contrastados os beneficios do proxecto, o empresario pode decidir seguir adiante ou ben renunciar.

Os primeiros proxectos rematados ou que están a punto de rematar serven para constatar que se trata de servizos con utilidade real para as Pemes participantes; tamén e unha oportunidade para que o Igape coñeza de primeira man a realidade das empresas e poida contrastar os efectos dos seus apoios.

A través do Igape, o programa prevé facilitar, en dous anos, máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade e servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de favorecer a profesionalización e a mellora na xestión das pemes galegas.