fbpx

Os servizos especializados do programa Reacciona de Economía e Industria fan gañar competitividade ás pemes de Vigo

O director do Igape, Javier Aguilera, explicou as vantaxes dos instrumentos que ofrece a Xunta nunha xornada técnica desenvolvida esta mañá na Zona Franca

Preto dun cento de empresas xa están a implantar plans de mellora competitiva mediante procesos titorizados por expertos

O prazo de presentación de solicitudes do programa ReAcciona, a través da web do Igape, está aberto ata o próximo 26 de outubro

Vigo, 24 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria está a facilitar melloras da competitividade das pemes mediante os diagnósticos e os servizos avanzados do programa ReAcciona do Igape, que hoxe foron presentados aos empresarios da área de Vigo, nunha xornada técnica desenvolta na Zona Franca.

O director do Igape, Javier Aguilera, lembrou igualmente que ata o próximo día 26 está aberto prazo de solicitudes para que as empresas interesadas podan acollerse a segunda oferta destes servizos avanzados, que xa se están a implantar nun cento de empresas galegas, da man de expertos e coa colaboración de novos titulados que, como bolseiros, se están a especializar nestes ámbitos de xestión empresarial .

Aguilera Navarro lembrou que o Programa ReAcciona prevé facilitar, en dous anos, diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade e servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de impulsar a profesionalización e a mellora na xestión das pemes galegas.

O ReAcciona facilita servizos avanzados destinados a deseñar a redefinición de negocio, o desenvolvemento de plans de acción, proxectos de futuro e plans de mellora; a mellora da comunicación empresarial, a mellora da xestión e profesionalización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial, a optimización financeira, ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar.

A xornada técnica de hoxe serviu para achegarlles ás pemes da área de Vigo as vantaxes e posibilidades asociadas aos diagnósticos e aos servizos avanzados que ofrece o Igape. Tamén participaron neste encontro informativo expertos das empresas seleccionadas polo Instituto para facilitar a implantación dos servizos nas pemes solicitantes, así como un representante dunha empresa beneficiaria do ReAcciona, que explicou a súa experiencia.

O programa ReAcciona está preparado para achegar, nunha primeira fase, diagnósticos gratuítos de competitividade ás empresas que os precisen, co fin de detectar e localizar as súas necesidades reais de mellora e orientalas logo cara aos servizos que poidan resultarlles de maior utilidade. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden visitar a páxina web: www.igape.es/reacciona, ou chamar ao teléfono 902 300 903.