fbpx

O programa Reacciona de Economía e Industria ofrece ás pemes asesoramento especializado para ser máis competitivas

O director do Igape achega as vantaxes dos servizos avanzados que ofrece a Xunta co programa ReAcciona nunha xornada técnica no Colexio de Economistas de Galicia

Preto dun cento de empresas, están asesorándose para facer melloras competitivas concretas nun proceso titorizado por expertos

O prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria, a través da web do Igape, está aberto ata o próximo 26 de outubro

A Coruña, 23 de outubro de 2012.- O programa ReAcciona da Consellería de Economía e Industria ofrece ás pequenas e medianas empresas galegas asesoramento especializado para facer melloras competitivas concretas. O director do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, salientou hoxe a importancia dos servizos avanzados que presta este programa, nunha xornada técnica que se desenvolveu no Colexio de Economistas de Galicia.

O director do Igape destacou que o Programa ReAcciona prevé realizar, en dous anos, diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade e servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das pemes galegas. Ao mesmo tempo, lembrou que preto dun cento de empresas, xa están asesorándose para facer melloras competitivas concretas nun proceso titorizado por expertos e que ata o próximo día 26 estará aberta a segunda convocatoria para solicitar destes servizos avanzados.

A xornada desta tarde serviu para achegarlles ás pemes da Coruña as vantaxes e posibilidades asociadas aos diagnósticos e aos servizos avanzados que ofrece o Igape, cun programa que está orientado a facilitar ao tecido empresarial galego o acceso a servizos que poden mellorar as competencias e habilidades, sobre todo no capital humano das empresas. Neste encontro, participaron expertos das empresas seleccionadas para a implantación destes servizos avanzados, así como un representante da empresa Proyfe, beneficiaria do ReAcciona, que explicou a súa experiencia co programa.

No ámbito de actuación do ReAcciona achéganse servizos avanzados destinados a facilitar a redefinición de negocio, o desenvolvemento de plans de acción, proxectos de futuro e plans de mellora; a mellora da comunicación empresarial, a mellora da xestión e profesionalización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial, a optimización financeira, ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden visitar a páxina web: www.igape.es/reacciona, ou chamar ao teléfono 902 300 903.