18 Jul As empresas de Ourense poden solicitar xa os servizos do programa Re-acciona de Economía e Industria para mellorar a súa competitividade
O Igape presentou hoxe na sede da CEO a primeira convocatoria do plan, aberta ata o 31 de xullo
Na implantación das melloras nas empresas colaborarán 100 novos titulados titorizados por expertos
Ourense, 18 de xullo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, presentou hoxe aos empresarios de Ourense os diagnósticos integrais e os servizos avanzados de competitividade habilitados pola Xunta no marco do programa re-Acciona, que as pequenas e medianas empresas poden solicitar ata o próximo 31 de xullo. Tal e como se salientou no encontro, celebrado na sede da CEO, ao abeiro do Impulsa Ourense as empresas da provincia terán preferencia para acollerse a estes novos servizos.
Na xornada, na que participaron medio cento de empresarios, informouse sobre a primeira das convocatorias deste programa que vén de abrir a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para que as pemes interesadas poidan solicitar os 400 diagnósticos integrais gratuítos e servizos avanzados que a Xunta de Galicia pon ao seu dispor co fin de facilitar a mellora da súa competitividade empresarial. As empresas interesadas deben solicitar estes servizos a través da páxina http://www.igape.es/reacciona.
Tal e como se explicou no encontro, a elaboración dos diagnósticos, de carácter gratuíto para as empresas, ten como obxectivo determinar cal é a situación actual da sociedade nos procesos clave do negocio, para, desta forma, mellorar a súa estratexia e facilitar a incorporación de vantaxes competitivas que aseguren a súa sustentabilidade.
Por outra parte, os servizos avanzados, que terán un custo moi reducido para as pemes solicitantes, prestan atención aos aspectos relacionados coa xestión da empresa. Desta forma, centraranse na optimización financeira e na mellora do circulante, na profesionalización da produción, no relanzamento comercial ou na mellora de control de xestión e de proceso.
Tamén se incidirá na identificación de redes de cooperación, no asesoramento para a redefinición do negocio e na mellora da imaxe e a comunicación da empresa. Ademais, estes servizos tamén axudarán aos negocios na elaboración e desenvolvemento de plans de acción, de mellora empresarial, e plans e protocolos de empresas familiares.
Para a implantación dos servizos avanzados, as empresas beneficiarias contarán coa colaboración dun bolseiro que participará na implantación do proxecto de mellora correspondente, baixo a tutela de axentes colaboradores especializados seleccionados polo Igape. Deste xeito, o programa re-Acciona vai facilitar a especialización de 100 novos titulados como expertos na implantación de melloras competitivas nas pemes.
A selección das empresas beneficiarias dos servizos avanzados farase valorando, entre outros criterios, o número de empregados, a localización –dando prioridade ás empresas das zonas con plans especiais como é o caso de Ourense–, a existencia dun diagnóstico previo ou a integración dentro dun clúster constituído en Galicia.