fbpx

A Xunta achega información on line sobre os novos servizos do programa Igape Responde para impulsar a reactivación de pemes e autónomos

A Xunta achega información on line sobre os novos servizos do programa Igape Responde para impulsar a reactivación de pemes e autónomos

Mañá mércores terá lugar o primeiro dos encontros on line que organiza a Xunta co obxectivo de facilitar ás pemes e autónomos galegos información polo miúdo sobre os diferentes servizos que, dentro do programa Igape Responde, ofrecen as novas convocatorias do ReAcciona, e que van dirixidas especialmente a impulsar a reactivación da actividade no novo contexto económico provocado pola covid-19. O webinario de mañá comezará as 12.30 h e as empresas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte enlace: http://reacciona.igape.es/index.php/mais-informacion_webinars/. Ademais das videoconferencias dirixidas a todo o tecido empresarial galego, realizaranse outras específicas dirixidas ao sector metalúrxico, alimentación e da madeira, entre outros.

O primeiro dos encontros estará centrado nos servizos de orientación e asesoramento que o ReAcciona ofrece nun dos catro ámbitos de actividade produtiva nos que se pode mellorar a competitividade: a estratexia empresarial para adaptación ao impacto da pandemia. O segundo dos webinarios, que terá lugar o próximo venres 12, abordará a profesionalización, as finanzas e as actividades comercial e loxística. A terceira e a cuarta videoconferencias realizaranse os días 17 e 19, respectivamente, e nelas afondarase sobre os servizos que se achegarán relacionados coa innovación e a dixitalización. A continuación, reforzarase a información con encontros dirixidos a sectores específicos

Así, a través das catro novas convocatorias coas que contará este ano esta liña de axudas, as pemes e os autónomos disporán de orientación e apoio individualizado sobre as medidas de implantación que deben adoptar a nivel xeral, na reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, así como no que se refire a proxectos de dixitalización e innovación axeitados para garantir a manter e impulsar a súa actividade. A primeira das convocatorias xa está aberta e o prazo de presentación das solicitudes de axuda remata o vindeiro 2 de xullo

O ReAcciona, que conta co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), forma parte do programa Igape Responde, iniciativa que vén de activar a Xunta para reforzar e reorganizar os servizos de asesoramento a autónomos e pequenas e medianas empresas sobre as novas liñas de axudas activadas ante a nova situación económica. Esta xanela única de información e apoio ofrecerá soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial. Ademais, porá a disposición do tecido produtivo galego unha base de coñecemento con información de interese empresarial, guías de repostas a preguntas frecuentes e boletíns informativos periódicos, ademais dos encontros informativos en liña.