Como mides a produtividade do teu negocio?

produtividade

Como mides a produtividade do teu negocio?

Para moitas empresas, o feito de dedicar un tempo a analizar a produtividade pode ser bastante complexo, aínda que é unha tarefa imprescindible para que tomen as decisións acertadas e poidan seguir crecendo. En concreto, saber como medir a produtividade laboral determinará en gran parte o éxito empresarial.

Por iso, para unha correcta análise da produtividade laboral, un dos consellos é realizar un seguimento das tarefas do persoal. Débese dispoñer de ferramentas que permitan supervisar e medir o volume de tarefas que desenvolve, para o que, na actualidade, grazas á tecnoloxía, existen numerosos instrumentos, como programas informáticos ou aplicacións de móbiles e ordenadores que facilitan o seguimento.

Pero para que esta tarefa sexa efectiva, ademais, non podemos deternos só nos resultados. Non se deben considerar os resultados e os obxectivos só en termos de cantidade, porque estariamos medindo a produción, non a produtividade, posto que son moitos os factores que inflúen nesta, como, por exemplo, o ambiente de traballo.

Crear unha contorna de traballo axeitada é motivador, pois o benestar do persoal ten como consecuencia un aumento da produtividade, aínda que tamén influirán outras variables, como a propia capacidade da empresa a nivel tecnolóxico, organizativo e económico; a estratexia deseñada ou o plan de acción; ou o foco elixido, é dicir, a capacidade do persoal de centrarse nas tarefas clave e dedicarse a elas de maneira constante.

Ademais, antes de realizar a devandita análise debe quedar claro que o importante son as horas traballadas de calidade e non o tempo empregado.

Por último, pode resultar de interese xerar indicadores de medición vinculados á estratexia de negocio. Isto ofrecerá datos que axuden a entender a organización da empresa.

Unha vez realizado o estudo da produtividade, tal e como mencionamos anteriormente, existen outros factores que, de levalos a cabo, poderán mellorar os índices e aumentar o crecemento da empresa, como poden ser os seguintes:

  • Compartir coñecementos: permitir que cada traballadora ou traballador poida compartir os seus coñecementos pode ser moi útil para xerar novas oportunidades e ideas produtivas.
  • Apostar pola innovación: non empregar a tecnoloxía e as instalacións axeitadas pode ser unha causa de desmotivación para as persoas que traballan na empresa.
  • Outorgar beneficios: se o persoal está motivado será máis produtivo, polo que incentivalo con incrementos salariais, sistemas de promoción laboral ou coa implicación en proxectos fará que se sinta partícipe da empresa e, polo tanto, máis motivado.

En conclusión, a produtividade laboral non só é unha responsabilidade para o persoal, senón que as empresas deben realizar análises de produtividade que lles permitan tomar as decisións axeitadas para manter a motivación de empregadas e empregados, pois diso dependerá a rendibilidade da empresa.

Fontes: https://bit.ly/2L4l1XRhttps://bit.ly/2HlFd6K