O paso da empresa Coplant polo programa Re-acciona TIC: entrevista a Emilio Estévez, director xerente

reacciona-tic

O paso da empresa Coplant polo programa Re-acciona TIC: entrevista a Emilio Estévez, director xerente

Coplant Galicia é unha empresa que naceu grazas ao empeño e á unión de cinco viveiros produtores de planta ornamental na zona sur de Galicia, o que afianzou a súa sede e o seu centro loxístico na comarca do Baixo Miño. Actualmente, está presente nos principais mercados europeos, como Francia, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica, Portugal, Italia e Dinamarca, e converteuse nun referente na comercialización de planta ornamental de calidade.

Entrevistamos a Emilio Estévez, director xerente, para que nos fale da súa experiencia no programa Re-acciona TIC, concretamente, co servizo de estratexia de marketing dixital.

1.  Por que xorde a necesidade de participar no programa Re-acciona TIC ?

Démonos conta da necesidade que tiñamos de mellorar a organización desta actividade no eido dixital, así como a relación coa clientela. Por este motivo, solicitamos o plan Re-acciona TIC, co obxectivo de que nos orientase os nosos contidos, clarificase a nosa relación coa clientela e favorecese un cambio no deseño e a organización da páxina web.

2.  Como se desenvolveu o servizo solicitado?

O noso proxecto abordou, dunha forma sistemática e sinxela, dous aspectos fundamentais. Por un lado, o coñecemento e a identificación das nosas necesidades e, por outro, a procura de solucións e a posterior implantación destas no eido dixital da peme. Deste xeito, durante a execución do programa Re-acciona TIC puidemos detectar as nosas carencias e coñecer as ferramentas necesarias para poder solucionalas e seguir desenvolvendo o plan de marketing dixital dunha forma autónoma.

Grazas á participación no programa, conseguimos un mellor posicionamento da nosa web en buscadores, así como da tenda en liña, optimizamos o uso de e-mail marketing e xeramos tamén unha política de contidos que nos permite organizar e estruturar a publicación tanto no blog como nas redes sociais.

Puidemos deixar de ver Internet como unha preocupación para converterse en algo que xera unha vantaxe competitiva dun xeito exponencial.

Podes ver a entrevista completa na nosa canle en Youtube na seguinte ligazón.