SEIS CONSELLOS PARA DIXITALIZAR A TÚA PEME CON ÉXITO

industry-2633879_640

SEIS CONSELLOS PARA DIXITALIZAR A TÚA PEME CON ÉXITO

Cada vez son máis as empresas que asumen o reto da dixitalización, non como unha opción, senón como unha obriga para manterse e ser competitiva no mercado. Aínda así, a transformación dixital segue a ser unha tarefa pendente sobre todo para as pemes, pois un dos maiores obstáculos aos que se deben enfrontar este tipo de empresas é o cambio de mentalidade, saír da zona de confort para acceder aos novos modelos de negocio.

Por iso expoñémosche seis consellos que debes poñer en práctica para impulsar a dixitalización do teu negocio:

1. Realizar un diagnóstico inicial: para iniciar o proceso de cambio cómpre saber en que punto nos atopamos e cales son as nosas expectativas a curto e longo prazo. Por iso, o primeiro paso será elaborar un diagnóstico sobre a situación da empresa para coñecer cales son os puntos fortes e débiles da compañía, en definitiva, coñecer as súas necesidades.

2. Elaborar unha estratexia dixital: é importante que, unha vez que coñezamos cal é a situación inicial da empresa, determinemos os obxectivos, tanto desde o punto de vista interno como desde o punto de vista da comunicación da empresa cara ao exterior.

3. Promover a formación do persoal: para conseguir un cambio de mentalidade da empresa é fundamental apostar pola formación no uso das novas ferramentas dixitais.

4. Captar talento dixital: en conexión co punto anterior, para asumir o cambio, debes contar cun perfil especializado que proporcione os coñecementos dixitais necesarios para seguir avanzando.

5. Mellorar a comunicación a través das canles dixitais: ademais dun cambio de mentalidade, a transformación dixital implica un cambio na relación coa clientela e a aparición de novas canles para a difusión dos servizos e os produtos. Así, grazas á estratexia seguida nas redes sociais, poderase establecer unha comunicación personalizada coa clientela, ademais de achegar valor con contido de calidade.

6. Incorporar as novas tecnoloxías: é evidente que no proceso de dixitalización deberanse incorporar as tecnoloxías precisas segundo as necesidades da empresa analizadas no diagnóstico inicial, así como as que mellor se adapten aos obxectivos marcados na estratexia dixital. Neste punto é importante contar con axuda externa especializada para determinar cal das tecnoloxías se adapta mellor ás necesidades da empresa.

Despois destes consellos, sabes como comezar e seguir a túa folla de ruta para a dixitalización da empresa?

O programa Re-acciona TIC axuda a definir un itinerario para seguir, ademais de apoiarte nos primeiros pasos da empresa para o desenvolvemento de proxectos vinculados coa industria 4.0. Lembra que a cuarta e última convocatoria do ano estará aberta ata o 20 de xuño. Para máis información accede á web http://reacciona.igape.es/

 

Fontes: https://bit.ly/2VEZqxxhttps://bit.ly/2sy4HGdhttps://bit.ly/2Ol5a6Phttps://bit.ly/2Ol5a6P