fbpx

A industria 4.0 aplicada ao sector loxístico

A industria 4.0 aplicada ao sector loxístico

Como consecuencia do desenvolvemento acelerado da tecnoloxía 4.0, así como do crecemento das novas canles de venda, un dos sectores que se encontra inmerso na gran revolución da dixitalización é o loxístico, que ten que enfrontarse aos novos desafíos para optimizar a cadea de subministración, o que dá lugar ao concepto de loxística 4.0.

A continuación detallamos algúns exemplos das tecnoloxías habilitadoras que están a transformar o sector loxístico:

  • Robótica colaborativa: encargarase da automatización dos almacéns, para transformar e optimizar as cargas de traballo. En concreto, perfeccionará a organización dos fluxos dentro do almacén, mellorará a xestión do stock, aumentará a produtividade e reducirá os custos, entre outros beneficios.
  • Internet das cousas (IoT): esta tecnoloxía ofrece múltiples posibilidades a través da interconexión dos dispositivos que interveñen na cadea de subministración. Entre elas, permite controlar o tempo real do traxecto dos produtos, coñecer o estado en que se atopa a mercadoría ou saber cales son as mellores rutas para chegar ao destino.
  • Big data: a súa función é recompilar a información que se xera durante a cadea de subministración. Grazas a isto aumentaremos a eficiencia dos procesos, a distribución será máis áxil, ao detectar mellores rutas, e poderase realizar un seguimento dos produtos.
  • Impresión 3D: proporcionará novas técnicas de reprodución no sector loxístico, o cal permitirá a manufactura e a personalización dos produtos ou a redución de custos.
  • Software ERP: este software permite a organización da loxística das empresas mediante a xestión e a administración dos procesos. Entre os beneficios que achega podemos resaltar a optimización operativa dos almacéns; a redución dos custos directos e de inventario; a mellora da satisfacción da clientela, ao poder adaptarse ás necesidades actuais; e o aumento do control e a puntualidade dos pedidos.

En definitiva, a implantación destas tecnoloxías en empresas do sector loxístico marcará a diferenza entre unha compañía que afronte os desafíos da industria 4.0 e aumente a súa vantaxe competitiva, e outra que quede fóra do mercado por empregar os sistemas tradicionais de xestión.

Ademais, a facilidade e a flexibilidade da utilización das novas tecnoloxías permitirán a automatización de todo tipo de empresas, incluído os almacéns pequenos.

Fontes: https://bit.ly/2SY1BXvhttps://bit.ly/2WKnJ99https://bit.ly/2UEoGCN