A filosofía lean como vantaxe competitiva para as pemes

cybernetics-1869205_640

A filosofía lean como vantaxe competitiva para as pemes

A metodoloxía lean manufacturing consiste nun proceso de mellora continua que busca a optimización da produción, a través da eliminación das tarefas que non engaden valor aos procesos de traballo produtivo. Estas actividades, innecesarias para o resultado final, chámanse “desperdicios”. Algúns dos máis comúns son o exceso de produción, a mala organización interna ou o exceso de inventario. Por tanto, este modelo emprega numerosas ferramentas que se encargan de eliminar os desperdicios orixinados no proceso produtivo e que teñen un impacto directo nos custos.

Coñece a continuación cales son os principais beneficios de aplicar a filosofía lean manufacturing:

  • Aumento da produtividade: un dos obxectivos deste sistema de traballo é aumentar a produtividade. Por iso, a eliminación de todo o que sobra, que non engade valor ao produto final, permite producir máis cun menor investimento. Ademais, este incremento da produtividade pode beneficiar o cadro de persoal, xa que se sentirá máis realizado ao aproveitar mellor o seu tempo de traballo.
  • Redución dos custos e do tempo: reducir todo o que non sexa realmente útil ou que non achegue nada para o interese do consumidor final permitirá acurtar os prazos de execución do proceso produtivo, o que ten como consecuencia unha redución dos custos e mesmo un aumento no volume de produción, sen perder a calidade do produto.
  • Diminución dos desperdicios e os erros: como consecuencia da eliminación desas actividades innecesarias, reduciríase a aparición de erros e aumentaría a calidade dos produtos. Ademais, esta mellor organización do lugar de traballo tería como consecuencia avances a nivel loxístico, coa conseguinte mellora no tratamento do produto e un menor risco de sufrir danos.
  • Satisfacción da clientela: como resultado dos puntos anteriores, os produtos pódense entregar en menos tempo, e no momento e o lugar que precise a clientela. A calidade destes será maior e a empresa poderá manter a súa marxe de beneficio e reducir prezos, co que se incrementará a súa vantaxe competitiva.

En consecuencia, todos os beneficios que supón aplicar a filosofía lean manufacturing axudarán a transformar o modelo de produción da empresa e permitirán que esta sexa máis competitiva tanto en prezo como en calidade e eficiencia dos servizos ofrecidos.

O programa Re-acciona TIC conta co servizo de xeración de modelos e simulación industrial, que ten entre os seus obxectivos lograr a integración de filosofía lean nos procesos de produción. Lembra que tes ata o 21 de marzo para solicitar os servizos da nova convocatoria do programa. Para máis información accede á web http://reacciona.igape.es/.

Fontes: https://bit.ly/2NhPgvhhttps://bit.ly/2EpIDEfhttps://bit.ly/2IrMkxqhttps://bit.ly/2ViqZYT