Que calidades debe ter o persoal directivo 4.0?

computer-3224642_640

Que calidades debe ter o persoal directivo 4.0?

Na actualidade, adaptar o tecido empresarial á industria 4.0 supón introducir unha nova metodoloxía de traballo na que interveñan sistemas cada vez máis intelixentes que impliquen cambios nos procesos de fabricación e nos modelos de negocio.

Por iso, para dar resposta ás necesidades que se van presentando neste novo sistema, é importante contar con profesionais que sexan capaces de dirixir e xestionar todos os cambios que se irán producindo coas novas tecnoloxías.

A continuación, enumeramos que competencias debe desenvolver o persoal directivo 4.0 para adaptar a súa empresa á 4ª Revolución Industrial:

  • Promover a proximidade no trato da empresa coa clientela: o persoal directivo dixital debe apostar polas novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial, para dar atención á clientela de forma automatizada sempre que a necesite.
  • Mellorar a comunicación interna: é importante promover unha boa comunicación interna entre o persoal. Se desde a dirección se esforzan por entender as necesidades e os cambios que se producen no contorno, poderán facer fronte aos problemas e xerar novas oportunidades de negocio.
  • Apostar pola formación: a evolución das novas tecnoloxías marcará o ritmo que se debe seguir e os cambios que se producirán no traballo. Por este motivo, é fundamental a formación continua, tanto para o persoal coma para o equipo directivo.
  • Traballar en equipo: a hiperconectividade permite que o persoal de toda a cadea produtiva dunha empresa poida estar en contacto constantemente. Por este motivo, o equipo directivo debe promover que exista un bo ambiente de traballo e que toda a empresa conte coa mesma información para obter bos resultados
  • Ser creativo: a industria 4.0 trae consigo novos modelos de traballo e con eles novos produtos, polo que, para non perder competitividade no mercado, a clave estará en saber reinventarse continuamente e crear formas de sorprender a clientela. Para isto, o persoal directivo 4.0 deberá ser emprendedor, unha calidade que permitirá impulsar a empresa.
  • Definir unha boa estratexia de liderado: ter a capacidade de xestionar a empresa e o equipo é importante para marcar o camiño e avanzar no proceso de adaptación ás novas tecnoloxías.

 

En consecuencia, o persoal directivo 4.0 deberá contar cunha mentalidade aberta e comprometida cos cambios tecnolóxicos, capaz de enfrontarse aos novos retos para non perder valor no mercado e que a empresa que lidere poida ser máis competitiva. Todo isto, sen esquecer a importancia da formación, que proporcione as competencias necesarias e as habilidades para adaptarse á industria 4.0.

Fontes: https://bit.ly/2SANM45https://bit.ly/2EPx4Zbhttps://bit.ly/2peZscF