Cales serán as repercusións da tecnoloxía 5G na Industria 4.0?

accessibility-3570138_640

Cales serán as repercusións da tecnoloxía 5G na Industria 4.0?

O desenvolvemento da tecnoloxía 5G constitúe un dos maiores retos aos que se enfrontará a economía dixital a curto prazo, pois será imprescindible para a consecución da industria 4.0, xa que será a encargada de garantir unha conectividade avanzada entre múltiples dispositivos e maquinaria sen a intervención das persoas, o que transformará completamente o sector industrial.

A continuación mostrámosche cales son os principais beneficios da tecnoloxía 5G e como afectará á industria 4.0:

  • Maior velocidade nas transmisións: este é o primeiro beneficio e o máis evidente. A velocidade na transmisión dos datos ten unha percusión directa na tecnoloxía cloud. Esta aceleración permitirá o acceso en tempo real á nube, o que beneficia a industria ao incrementarse a produtividade, a través de robots colaborativo e gafas de realidade aumentada, e ao reducirse os custos de mantemento, de inventario e loxístico debido ao seguimento continuo.
  • Menor latencia: isto supón unha maior capacidade de execución a distancia. O tempo de latencia de reacción e de execución das ordes será, polo menos, dez veces menor que na actualidade. Como consecuencia disto, as máquinas poderán ser manexadas a distancia, co que se conseguirá unha capacidade de resposta en tempo real. Neste sentido, un dos grandes beneficiarios da conectividade 5G será o sector de automoción, xa que se presenta como unha das grandes oportunidades para a implantación do vehículo autónomo, capaz de circular sen a intervención humana.
  • Maior número de dispositivos conectados: a tecnoloxía 5G permitirá a xestión de miles de conexións. Os sensores, os aparatos e a maquinaria terán acceso directo e conexión instantánea a Internet, o que consolida a tecnoloxía de IoT. Como consecuencia, os dispositivos poderán enviar de forma simultánea información que poderá ser procesada sen latencia. Así obterase unha resposta en tempo real e promoverase na industria a robotización.
  • Maior eficiencia enerxética: unha mellora na banda larga, con máis capacidade e máis velocidade, estímase que poderá reducir ata un 90 % o consumo de enerxía polo servizo proporcionado.

 

En definitiva, a tecnoloxía 5G será clave para a dixitalización e a consecución da industria 4.0, ademais de satisfacer a demanda e as necesidades da sociedade cada vez máis conectada. É, sobre todo, unha oportunidade de innovación para as pequenas e medianas empresas, pois cambiará o modo de xestionar e axudará a crear novas oportunidades de negocio.

Fontes: https://bit.ly/2B3n4HAhttps://bit.ly/2Tfq6zuhttps://bit.ly/2FZPTrB