Cales son os obstáculos que debe superar a #EmpresaFamiliar para innovar e dixitalizarse?

african-descent-3472462_640

Cales son os obstáculos que debe superar a #EmpresaFamiliar para innovar e dixitalizarse?

Na actualidade, dúas das grandes preocupacións ás que se enfrontan as empresas familiares para os próximos anos son a necesidade de innovación e a adaptación do seu negocio ás novas tecnoloxías. Pero neste tipo de compañías, nas que se mesturan os negocios coas relacións familiares, poden darse algúns problemas que, en moitas ocasións, son unha barreira para a evolución das empresas.

A continuación, enumerámosche algúns dos obstáculos que deben superar as empresas familiares:

  • A falta de planificación do relevo xeracional: é unha das principais trabas á dixitalización e á innovación, pois ao non planificar a sucesión empresarial xérase unha grande incerteza sobre a continuidade do negocio. Isto pode provocar que a primeira xeración, que tende a ser máis conservadora, retrase o relevo da empresa. Ademais, a nova xeración pode verse desmotivada pola falta de organización ou pola falta de experiencia e formación. Por iso, é necesario contar cun plan de protocolo familiar, no que se determine a estratexia, así como os prazo para levar a cabo o traspaso do negocio.
  • A ausencia de talento: para innovar e levar a cabo o proceso de dixitalización cómpre ter un equipo que reúna as aptitudes necesarias. Por este motivo, é fundamental que a empresa aposte por un plan de formación que desenvolva o talento da familia, tanto dos novos sucesores como do persoal actual.
  • A vontade de manter a xestión da empresa na familia: o medo a que este tipo de empresas poida ser xestionada por outras persoas que non sexan da familia ten como consecuencia que non busquen a axuda de profesionais cualificados alleos que acheguen novas ideas.
  • A falta da confianza entre familiares: a dixitalización e a innovación implican unha serie de custos directos, como o investimento e a contratación de persoal. Pero as malas relacións e a falta de confianza entre os familiares fan que os órganos de xestión e de goberno non queiran investir na evolución empresarial.

 

Por todos estes aspectos, é importante que as empresas familiares aproveiten o relevo xeracional e que aposten pola súa formación para desenvolver unha nova cultura da dixitalización e da innovación. Ambos son factores que lles permiten aos negocios ser máis eficientes e competitivos, e ter unha maior capacidade de resposta ante os novos retos do mercado.

Fontes: https://bit.ly/2zQFScChttps://bit.ly/2EFI0Yxhttps://bit.ly/2T0JW0L