A experiencia da empresa Depuradora de Moluscos La Sirena no programa Reacciona TIC: entrevista a Dori Solla, socia e directora executiva

reacciona-tic

A experiencia da empresa Depuradora de Moluscos La Sirena no programa Reacciona TIC: entrevista a Dori Solla, socia e directora executiva

La Sirena é una empresa constituída no ano 2002 que nace das necesidades detectadas no mercado da depuración. Dedícase principalmente a dúas liñas de negocio: a depuración e a transformación de moluscos vivos (sobre todo, de mexillóns das Rías Baixas) e a elaboración de produto preparado, o que lles permitiu diferenciarse do resto da competencia.

Entrevistamos a Dori Solla, socia e directora executiva de La Sirena, para que nos achegue a súa experiencia no programa Re-acciona TIC, concretamente, co servizo de diagnose das capacidades e aplicación das solucións da industria 4.0.

1. Por que xorde a necesidade de participar no programa Re-acciona TIC ?

Dende a dirección da Depuradora de Moluscos La Sirena tiñamos claro que debiamos evolucionar cara a un modelo de negocio onde primase a calidade, a mellora continua e a competitividade. A industria 4.0 adiviñábase, para nós, a curto e medio prazo, como unha das estratexias que tiñamos que incorporar para gañar competitividade. Como non sabiamos por onde comezar respecto á implantación de solucións da industria 4.0, pareceunos que o máis adecuado era arrincar xustamente cun diagnóstico para poder coñecer onde se atopaba a nosa organización e cales eran as nosas necesidades para así definir unha folla de ruta.

2. Como se desenvolveu o servizo solicitado?

O proxecto arrincou cunha formación para dar a coñecer, fundamentalmente, que era a industria 4.0 e, máis en concreto, cales eran as tecnoloxías vinculadas a ela. Ademais, abordouse o uso de ferramentas organizativas como primeiro paso antes de chegar á implantación de solucións tecnolóxicas. Posteriormente, definiron un equipo de traballo que realizou unha posta en común de todos os aspectos tratados, coa finalidade de decidir que accións debían focalizar e priorizar para camiñar cara á industria 4.0. Así, chegaron a un consenso e debuxaron o itinerario de implantación nun prazo de dous anos e medio.

3. Que supuxo para a empresa o programa Re-acciona TIC?

O servizo Re-acciona TIC permitiunos realizar unha  reflexión conxunta como organización, non só por parte da dirección da empresa, senón tendo en conta as achegas do persoal dos distintos departamentos, co obxecto de coñecer as melloras organizativas que cada un consideraba relevantes e que facían falta para poder avanzar no reto da industria 4.0.

Podería dicirse, por  tanto,  que un dos principais beneficios foi que obtivemos a foto de onde nos atopabamos e cara a onde debiamos ir, o que supuxo unha reflexión interna, dirixida por un técnico do axente colaborador.

Podes ver a entrevista completa na nosa canle en Youtube na seguinte ligazón.