Como deben as empresas familiares enfrontar o seu proceso de dixitalización?

empresa-familiar

Como deben as empresas familiares enfrontar o seu proceso de dixitalización?

Aínda que as novas xeracións das empresas familiares son conscientes da importancia de adaptarse ás novas tecnoloxías para seguir tendo un negocio competitivo, na actualidade apenas o 26 % estableceu unha estratexia sólida de transformación dixital, mentres que un 35 % só definiu unha estratexia. Trátase, por tanto, dunha tarefa pendente que afecta a un gran número de pemes familiares.

Por iso, a continuación, enumerámosche algunha das pautas que se deben seguir para iniciar o proceso de dixitalización:

  • Combinar os valores tradicionais coa innovación: antes de iniciar o proceso de dixitalización, cómpre ter en conta que todos os valores do proxecto que se comparten de xeración en xeración deben permanecer intactos, aínda que a empresa vaia introducindo modificacións para adaptarse ás novas esixencias do mercado.
  • Iniciar o proceso pola persoa propietaria da empresa: é importante que os órganos de goberno da compañía lideren o proceso de transformación dixital para que o cambio sexa a nivel interno e externo.
  • Analizar e definir os procesos que se deben automatizar: unha vez determinados os obxectivos que se queren acadar coa dixitalización, o equipo da empresa familiar debe decidir que procesos e departamentos se poden dixitalizar e dar mellores resultados.
  • Implicar o equipo e o persoal: é importante que os órganos directivos fomenten a participación e a horizontalidade do persoal, é dicir, promovan a participación de todos os membros da empresa, sexan familiares ou non, ao mesmo nivel, independentemente do cargo que teñan na compañía. Ademais, dende a propia dirección débese tamén fomentar a transparencia, a xenerosidade e a reciprocidade da participación do persoal. É dicir, é importante darlles valor ás opinións das persoas implicadas e favorecer o intercambio de información que poida beneficiar o proxecto de transformación dixital.
  • Deseñar un plan de acción claro: definir as accións da estratexia, ademais de establecer as datas de realización de cada unha delas e de fixar un orzamento é necesario para que o proceso de transformación dixital se poida realizar de acordo coas necesidades temporais fixadas e co mínimo de sorpresas posibles.
  • Fomentar a formación: é importante contar cun plan formativo para que os membros das empresas poidan desenvolver habilidades dixitais. Neste sentido, as novas xeracións dentro da empresa familiar teñen un papel fundamental, posto que naceron na era dixital, polo que están mellor preparadas para afrontar os cambios.

É evidente a necesidade das empresas familiares de iniciar o proceso de dixitalización, pois aínda que implique ao principio un investimento, a introdución das novas tecnoloxías supoñerá un factor diferencial fronte á competencia e que dependerá no só da introdución destas, senón tamén dun cambio cultural e organizativo da empresa.

Fonte: https://bit.ly/2PXSOHAhttps://bit.ly/2DPN1MT; https://bit.ly/2BD3UZV