O Instituto Galego de Promoción Económica cumpre 25 anos

O Instituto Galego de Promoción Económica cumpre 25 anos

Recentemente o Igape celebrou no Palacio de Exposicións e Congresos de Santiago de Compostela, o seu 25 aniversario. Neste acto déronse cita diversas autoridades que salientaron o gran labor realizado de cara a transformar a economía de Galicia. Destacaron as intervencións do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, así como do primeiro e derradeiro presidente do Igape, Juan Manuel Valcárcel e Juan Cividades, respectivamente.

Nesta celebración, o Presidente da Xunta repasou o labor que durante todos estes anos realizou o Igape para a mellora do tecido empresarial galego, sinalando que axudou a máis de 81.000 empresas. Unha das actividades máis destacadas foi o acceso a financiamento co obxectivo de aumentar a  capacidade produtiva e a competitividade das empresas galegas. Para elo, mobilizáronse preto de 14.000 millóns de euros a través de avais concedidos, préstamos con incentivos e outras medidas.

Entre as axudas concedidas podemos destacar o programa Re-acciona, que o Igape puxo en marcha no ano 2012 con once servizos de mellora da competitividade empresarial así como o programa Re-acciona TIC, que en colaboración con Amtega, iniciouse no ano 2015 para a mellora da competitividade a través de solucións dixitais e Industria 4.0.

Así mesmo, o presidente da Xunta, sinalou que o reto do Igape para a próxima década será a de conseguir a converxencia entre o sistema universitario co científico e co tecido empresarial para conseguir I+D+i aplicada á industria e aos retos sociais.