O paso da empresa Colterxy polo programa Re-acciona

Colterxy

O paso da empresa Colterxy polo programa Re-acciona

No ano 2012 o Igape puxo en marcha a primeira edición do programa Re-acciona con once servizos de mellora da competitividade empresarial. Na actualidade atópase na súa quinta edición e o balance de resultados é moi positivo. Os servizos que ofrece esta iniciativa nacen para dotar as pemes galegas dun valor engadido que permita acelerar os seus procesos de mellora e incorporar novos coñecementos ás súas estruturas.

Colterxy S.L. é unha das empresas que decidiu acollerse ao programa Re-acciona para optimizar e profesionalizar tanto a súa produción como a súa loxística. Esta empresa, certificada por Galicia Calidade e especializada na fabricación de equipamentos para o descanso (colchóns, almofadas…), solicitou dous dos servizos que o programa ofrece. O primeiro de eles é o de relanzamento comercial e o segundo, o da mellora da produción e a cadea loxística para levar os seus produtos ecolóxicos, saudables e innovadores a mercados internacionais.