Estás pensando en utilizar un influencer na túa empresa? Coñece como traballar con eles

Como traballar cun influencer

Estás pensando en utilizar un influencer na túa empresa? Coñece como traballar con eles

Na era da dixitalización, cada vez máis marcas comezan a interesarse polos influencers, persoas cunha importante presenza en liña e con gran potencial para influír nas opinións e os comportamentos da audiencia. A utilización deste tipo de persoas pode chegar a ser moi interesante para a nosa empresa, xa que a audiencia confía moito nelas.

Unha vez que temos claro que este tipo de estratexia é a adecuada para a nosa empresa, debemos seleccionar a persoa correcta e ter en conta algúns consellos para traballar correctamente con ela:

  • Antes de poñerte en contacto crea unha relación: a este tipo de persoas gústalles que as marcas estean realmente interesadas no seu traballo, polo que comezar cunha interacción no seu blog ou nas súas redes sociais pode chegar a construír unha forte relación co influencer. Demostra que realmente segues o que fai.
  • Respecta o seu traballo: eles aman os seus contidos e o que fan, dedícanlle moitas horas, polo que non debes pensar que é a túa marca a que lles está facendo un favor. Os influencers non aceptan todo o que se lles propón, teñen moi en conta o que pode interesarlle á súa audiencia.
  • Deben crer no teu produto: xeralmente, os influencers só recomendan os produtos que xa probaron e nos que xa confían, polo que enviar mostras gratuítas para que poidan probalos pode ser unha boa forma de conseguir que falen deles nas súas canles.
  • Déixalle liberdade ao influencer: dálle toda a información que creas necesaria para que coñeza en profundidade a marca e o produto do que queres que fale, pero deixa que sexa el quen decida como facer as cousas, ninguén coñece mellor a súa audiencia. É fundamental que as empresas respecten o estilo deste, xa que é el quen gusta ao seu público.
  • Ti non es o único cliente: segundo un estudo, o 68 % dos influencers traballa con tres ou máis marcas ao longo do mes, polo que non pretendas que as cousas se fagan no mesmo día e cando ti queiras. Marca uns prazos razoables para que o influencer poida traballar con tranquilidade.

 

É importante ter en conta todos estes consellos para que a relación entre a marca e o influencer sexa positiva. Canta máis proximidade logres alcanzar con el, máis posibilidades haberá de que fale ben de ti nas súas redes, mesmo cando non exista un acordo publicitario de por medio.

Fontes: https://bit.ly/2pv48Lh, https://bit.ly/2JeLAb5, https://bit.ly/2IiZ8kH, https://bit.ly/2IoiDs9