Por que solicitar o servizo de mellora da produción e a cadea loxística? Artigo de Team & Time

cadea_loxistica

Por que solicitar o servizo de mellora da produción e a cadea loxística? Artigo de Team & Time

Nun contorno totalmente cambiante, como o de hoxe en día, ao que hai que engadirlle un cliente hiperconectado, faise imprescindible que as empresas teñan conciencia de que é o que achega valor para os seus clientes e que as persoas sexan “solucionadoras”, polo que deben implicarse na mellora continua.

“Fágoo así porque sempre se fixo así”; “non podo probar… non damos feito, estamos a tope”; “iso xa o intentamos e no funcionou”; “o meu sector é especial e isto non se pode aplicar”, son algunhas das respostas ou reflexións que nos trasladan os empresarios e empregados no transcorrer dos proxectos que facemos no servizo de optimización da produción e da cadea loxística.

Seguidamente, indicamos situacións que nos atopamos nas organizacións de todos os sectores, consecuencia das reflexións mencionadas con anterioridade:

  • Planificación case inexistente, co que todo se converte en “urxente”.
  • Falta de comunicación entre departamentos, o que dá lugar a múltiples erros, duplicidade de operacións e perdas de tempo.
  • Mala organización dos postos de traballo, o que supón investimento de tempo na procura de materiais necesarios para a realización das tarefas definidas.
  • Pouca implicación na mellora continua dos procesos, o que fai perder o potencial creativo das persoas.
  • Escasa definición das tarefas e responsabilidades das persoas involucradas no proceso.

Este servizo está dirixido á implantación de melloras cuantificadas, sen investimento, orientadas á eficiencia e á redución de custos en calquera proceso que desenvolva a empresa (produción, almacenaxe, administración…), rompendo o marco de ideas xa asumidas que levan a obter as respostas citadas.

A modo de exemplo, o que a posta en marcha do proxecto pode permitir é:

  • Mellorar os tempos de proceso e diminuír os custos.
  • Eliminar os “colos de botella”.
  • Reducir os niveis de stock e os produtos obsoletos.
  • Mellorar as condicións dos lugares de traballo.
  • Estandarizar os procesos

E sempre, capacitando o persoal da organización, de xeito que poida levar a cabo unha extrapolación interna do proxecto a outras áreas.

Asemade, incúlcase o concepto de mellora continua, entendido como a  suma de pequenas melloras que permitirán obter resultados finais sobresaíntes. A mellora convértese nunha tarefa máis de todas as persoas que integran unha empresa: todo o mundo pode facelo e existen ferramentas sinxelas para iso.

A posta en marcha do noso servizo arranca coa selección do proceso e o establecemento do obxectivo que se quere alcanzar. A partir desta primeira reunión, inícianse as visitas semanais por parte do persoal técnico de Team&Time para abordar o deseño, a implantación da mellora e a súa cuantificación. Para iso, colabórase en todo momento co coordinador do proxecto da empresa e co persoal afectado polo proceso proposto para a súa optimización.

Fonte: Team & Time