O servizo de xeración de modelos e simulación industrial “a fondo”: Entrevista a Daniel Prieto de Soltec Ingenieros

entrevista-reacciona

O servizo de xeración de modelos e simulación industrial “a fondo”: Entrevista a Daniel Prieto de Soltec Ingenieros

“A competitividade é mellorar os parámetros produtivos da empresa”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de xeración de modelos e simulación industrial do Re-acciona TIC Industria 4.0, un servizo prestado por Soltec Ingenieros dende os inicios do programa, no ano 2016, e cuxo reto é apoiar a empresa no seu camiño cara á industria 4.0.

Entrevistamos a Daniel Prieto, de Soltec Ingenieros, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?

Baixo o meu punto de vista, a competitividade dunha empresa representa a capacidade de manter sistematicamente vantaxes comparativas fronte a outras empresas, e que lle permitan alcanzar, soster e mellorar a súa posición na contorna económica.

Para iso debemos buscar como mellorar a forma na que se está traballando e conseguir unha innovación constante en todos os procesos da empresa, de modo que se fomente e se facilite a apertura de novos mercados, xerando credibilidade e confianza.

Non podemos esquecer que para lograr esta competitividade é necesario establecer unha estratexia empresarial a longo prazo, que permita introducir esta competitividade dentro da cultura da mesma empresa.

A importancia da competitividade radica en saber como administrar os recursos dunha empresa, incrementar a súa produtividade e estar prevido ante as variacións nos requirimentos e nas esixencias do mercado. Tendo en conta estes aspectos, se unha peme non os ten presentes, verase abocada a ter que superar dificultades nesta contorna tan competitiva e, a longo prazo, verase dificultada a súa supervivencia.

2. Que beneficios achega o servizo de xeración de modelos e simulación industrial a unha peme? Cales son os máis valorados?

A simulación é unha ferramenta de grande axuda á hora de diminuír os riscos e optimizar a toma de decisións empresariais, a avaliación de investimentos en tecnoloxía, persoal e instalacións, así como planificar, analizar e mellorar os procesos da empresa.

Permítelle, a curto prazo, unha mellor toma de decisións á dirección da compañía, xa que, grazas a ela, se pode medir un proceso ou esquematizar o funcionamento lóxico dunha empresa por medio da creación dun modelo. Este modelo recollerá o sistema de procesos da planta de produción que se simulará en condicións reais dentro dun plano irreal (sen interferir na actividade normal da empresa). Ao traballar cun modelo, unha equivocación non lle ocasionará ningún problema real á planta de produción, e permitirá mesmo que nos anticipemos ao seu resultado. Avaliar calquera alternativa non supón sobrecusto ningún, ao non ter que efectuar os investimentos ou cambios necesarios para comprobar o seu resultado.

Ademais, a visualización dunha simulación tridimensional animada é unha forma moi efectiva de presentar e explicar un novo proxecto. Un modelo de simulación 3D permite expor e representar as propostas e cambios dunha forma gráfica e intuitiva.

3. Este servizo leva a cabo un modelo de simulación industrial, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

Nun modelo de simulación representamos, por un lado, o fluxo de artigos, como poden ser os diferentes tipos de produtos do proceso que se está estudando, xa sexan coches, botellas, caixas, clientes etc., e os fluxos de información, como, por exemplo, albarás ou ordes de fabricación.

Por outro lado, represéntanse os obxectos pertencentes ao sistema, como son maquinaria, almacéns, loxística interna, operarios etc. Da correcta interacción de todos estes elementos nace o modelo de simulación.

4. Cales son as fases principais a través das cales se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

Normalmente distribuímos os proxectos de simulación en sete grandes fases:

  • Análise inicial: dende as necesidades da empresa en cuestión, formulamos o problema que se tratará de resolver, e determinamos uns obxectivos e a área piloto onde se levará a cabo a simulación.
  • Modelo de simulación: recóllense datos reais do proceso, sempre que sexa posible, e xérase o modelo de simulación, axustando os datos recollidos aos seus modelos estatísticos correspondentes.
  • Test do modelo de simulación: compróbase que o funcionamento do modelo é similar á realidade e establécense os KPI (key performance indicator) que nos servirán para analizar a eficiencia do proceso que se estea simulando.
  • Deseño de experimentos: propóñense unha serie de solucións ao problema en cuestión ou ben diferentes variacións do proceso que se está estudando.
  • Análise de resultados: analízanse os datos obtidos polas diferentes solucións adoptadas.
  • Informes e documentación: documéntanse os arquivos do software de simulación e rexístranse os logros, cambios, decisións tomadas etc.
  • Implantación: unha vez validados os resultados, tomaríase a decisión de levar a cabo a estratexia escollida.

 

5. Xa para rematar, dos servizos realizados ata o de agora, poderías falarnos sobre algún que resultara para vós un caso de éxito?

Mencionaremos algúns casos:

  • NorRubber: reorganización de operarios en planta para lograr un aumento da produción.
  • Brigal: estudo da distribución da maquinaria (layout) nunha nave de nova construción para lograr unha máxima produción.
  • Recense: estudo da área de cincado e establecemento do número de bastidores mínimo para minimizar os paros da instalación e lograr o máximo OEE.
  • Netun Solutions: estudo sobre necesidades de provedores e prazos de entrega para satisfacer unha demanda de produto final.
  • Hermanos Rega: reorganización de operarios e manutención interna en planta de fabricación de carrocerías para minimizar os tempos e os desprazamentos innecesarios.
  • Misutonida: reorganización de almacén loxístico para optimizar o fluxo dos compoñentes almacenados.
  • Ledisson: estudo de tempos de operación en automatización dun posto de traballo.