A necesidade da visión financeira preditiva na miña empresa por Rafael Martínez-Carrasco (Arxon Estrategia)

capturas

A necesidade da visión financeira preditiva na miña empresa por Rafael Martínez-Carrasco (Arxon Estrategia)

“Estou crecendo, pero realmente non sei se as miñas finanzas están ben enfocadas”. “O financiamento que estou buscando, é o que necesito?”. “Por que se está crecendo o meu negocio teño máis problemas de liquidez?”. Con frecuencia trasládanme estas e outras reflexións por parte d@s  empresari@s no transcurso da execución dos proxectos que realizamos no servizo de optimización financeira do programa Re-acciona (lote 4). Dá igual o sector e a dimensión da empresa. Os problemas repítense e, normalmente, responden ás mesmas causas. En certo modo é lóxico, a dirección da empresa adoita ter un perfil técnico e/ou comercial, que a animou a poñer en marcha a súa empresa, pero non financeiro. Por tanto, é a área que amosa máis carencias no enfoque estratéxico e, sobre todo, na xestión operativa do negocio. Identificamos, ademais, situacións clave que o reflicten, entre as cales cito as seguintes:

  • A planificación financeira é case inexistente.
  • Non hai ferramentas de control financeiro e de tesourería.
  • Non hai proxeccións sobre a xestión nesta área.
  • O control orzamentario e de xestión é moi limitado, pouco frecuente e pouco rigoroso.
  • Delégase na xestoría un traballo que non lle compete e que debe realizarse na empresa.
  • A xestión bancaria é deficiente e por impulsos.

Hai máis sinais que nos permiten saber que a miña empresa ten lagoas e que poden levar a un problema de viabilidade financeira, e esta sempre lle afecta á económica. É dicir, para gañar diñeiro, necesito chegar a gañalo e, ás veces, o negocio afoga polo camiño. Unha boa idea pode fracasar porque a estrutura financeira foi mal definida. Esta mala definición pode concretarse ao definir uns recursos necesarios menores dos reais, buscar un tipo de financiamento que non se corresponde coa natureza do que se quere investir dentro da empresa e, por último, por non implantar ferramentas efectivas de control preditivo. Porque non podemos esquecer que, se ben os datos históricos me dan moita información, e son parte da diagnose do punto de partida do servizo de optimización financeira, debo tomar decisións en función dos problemas aos que me vou enfrontar, e iso debo prevelo, é dicir, dispor dunha visión financeira preditiva. Para iso, neste servizo desenvolvemos ferramentas específicas de fácil manexo para a dirección e o seu equipo, que permitan un control áxil e eficiente. Ademais, entendemos imprescindible realizar a formación personalizada na empresa para que o coñecemento quede nela e que se vaia consolidando a devandita visión financeira que, en moitos casos, é estratéxica.

O servizo de optimización financeira iníciase cunha diagnose para coñecer a situación de partida e contrastala coa percepción da empresa, coa identificación dos seus riscos e continxencias. A partir dela deséñase un plan de traballo específico que se concreta nunha mellora substancial que se asente, en todo caso, nesa visión financeira que desde a dirección da empresa é imprescindible adquirir e aplicar nas súas decisións. Desta maneira podemos afrontar proxectos de mellora tales como:

  • Revisión da política financeira comercial
  • Xestión e negociación bancaria
  • Análise e recomendacións sobre as fontes de financiamento da empresa
  • Valoración da empresa
  • Formación especializada para o equipo
  • Xestión de riscos financeiros, a partir de revisión fiscal, contable e mercantil

Pero, en todo caso, trátase de realizar una mellora concreta, “un traxe a medida” segundo os problemas da compañía. Toda empresa debería nalgún momento revisar a súa situación financeira. Recordemos que as empresas cerran pola caixa, non pola conta de resultados.

Rafael Martínez-Carrasco Samartín

Socio director

ARXON ESTRATEGIA.