Como debe ser un equipo de traballo innovador?

habilidades_innovar

Como debe ser un equipo de traballo innovador?

No camiño da innovación, o persoal directivo das empresas é o responsable de impulsar estes procesos innovadores, pero sen esquecer a importancia que ten contar cun equipo de traballo que teña certas habilidades que axuden nesta transformación.

En xeral, a creatividade pode ser a primeira habilidade na que pensemos, pero existen máis das que falaremos a continuación:

  • Observación atenta: estar alerta ante os cambios que suceden no contorno axuda a percibir os detalles minuciosamente, de forma que os problemas e as dificultades se detectan de xeito rápido.
  • Empatía e interese polos demais: ter a capacidade de poñerse no lugar doutra persoa axuda a achegarse ao que sinte e ás súas necesidades, algo que cómpre ter en conta, xa que a través dunha innovación procuramos cubrir unha cota de mercado cunhas determinadas características e cunhas expectativas que hai que cumprir.
  • Constante curiosidade e aprendizaxe por investigar e explorar situacións novas e descoñecidas: a información que se acumula grazas a isto pode incentivar a creatividade e a innovación.
  • Insatisfacción co statu quo: a desconformidade co estado actual fai que as persoas sexan máis críticas, de maneira que lles resulta máis fácil notar os problemas e os aspectos que se deben mellorar.
  • Tolerancia pola incerteza: a pesar de non coñecer se o resultado da innovación vai ser positivo ou negativo, é bo probar e experimentar sen medo a cometer erros ata obter o que se está a buscar.
  • Optimismo ante a idea de innovar: hai que pensar que a nosa é unha aposta por un futuro mellor e que se pode levar a cabo calquera proxecto.

A procura de talento que teña carácter innovador pode ser unha tarefa difícil, pero non imposible. Ademais, resulta moi relevante debido á importancia de estar en constante renovación nun escenario empresarial cada vez máis cambiante.

Fonte: https://www.weforum.org/