O servizo de imaxe e comunicación “a fondo”: Entrevista a Fuenscisla Cid de Estrategia y Organización

entrevista-reacciona

O servizo de imaxe e comunicación “a fondo”: Entrevista a Fuenscisla Cid de Estrategia y Organización

“Competir significa ser capaces de crear valor, comunicalo e dalo a coñecer”. É un obxectivo que está presente ao longo das diferentes etapas do servizo de imaxe e comunicación do programa Re-acciona. Un servizo prestado por Estrategia y Organización dende os inicios do programa, no ano 2012, e cuxo reto é axudar a empresa a profesionalizarse no ámbito da imaxe e a comunicación, e garantirlle que vai contar coas ferramentas necesarias e o grao de autonomía preciso para continuar co proxecto de mellora iniciado.

Entrevistamos a Fuencisla Cid, de Estrategia y Organización, para que nos fale en detalle do servizo.

1. En que consiste para ti a competitividade? Considérala importante para o desenvolvemento dunha peme?

En termos de comunicación, a competitividade para min é reputación. Nun contexto complexo, saturado e no que se producen cambios rapidamente, é preciso crear unha marca de confianza, que sexa a razón pola cal un consumidor elixa a túa empresa e non a competencia. Tomar conciencia da importancia de comunicar, dos públicos internos, de ser transparentes e sostibles… son razóns polas que é imprescindible desenvolver a comunicación nun negocio.

2. Que beneficios achega o servizo de imaxe e comunicación a unha peme? Cales son os máis valorados?

O principal beneficio é o de comunicar o verdadeiro valor da peme, ser capaz de achegarlles aos destinatarios a súa esencia, pois desta maneira contribúese a marcar a diferenciación fronte a outras empresas e a construír o posicionamento. Outra das bondades que resaltaría é a profesionalización da imaxe, xerar confianza e reputación, intanxibles clave na xestión da comunicación.

3. Este servizo leva a cabo o desenvolvemento dun plan de comunicación con accións de imaxe e internet, poderíasnos explicar brevemente en que consiste?

O plan de comunicación é o documento estratéxico que constitúe a folla de ruta a través da cal guiarse para desenvolver as accións que se consideren fundamentais para a peme. Podemos resumir o plan como a resposta a dúas preguntas: que contar? (elixir a mensaxe que debe ser o vector da comunicación) e como contalo? (determinar cales son as mellores accións a través das que xerar visibilidade e notoriedade de marca, construír o posicionamento e conseguir a reputación).

4. Cales son as fases principais a través das que se leva a cabo o servizo? De todas elas, existe algunha que sexa especialmente complicada de desenvolver?

O servizo desenvólvese a través de diferentes fases. A primeira é a análise de comunicación e auditoría de imaxe, xa que resulta fundamental coñecer o estado nestes ámbitos da empresa para determinar a situación de partida. Tras a análise realízase a proposta de accións que, de maneira inicial, consiste en determinar a mensaxe principal da empresa e o seu estilo. É a partir da aprobación conxunta coa peme que comeza a fase de desenvolvemento de accións. Nesta fase, ampla e variada segundo o caso de cada empresa, realízanse diferentes tarefas, dende o deseño dunha web, a construción dunha tenda en liña, o deseño de estratexias en liña… ata a elaboración de material gráfico: catálogos, folletos… ou a propia creación da marca da peme. O servizo remátase cunha fase de titorización que pretende garantir a continuidade do traballo comezado.

5. Xa para rematar, son moitas as análises realizadas ata o de agora, pero poderías falarnos dalgunha que resultara para vós un caso de éxito?

É difícil destacar un caso fronte a outro dos máis de 70 servizos xa desenvoltos. A consecución dos obxectivos marcados e que este servizo contribúa a profesionalizar e, nalgúns casos, a iniciar unha estratexia de imaxe, comunicación e internet naquelas pemes ou empresas-autónomos que comezan a súa actividade, son as boas prácticas que sinalaría. A comunicación é a estratexia, e o servizo de consultoría que se desenvolve a medida é o maior dos éxitos.