fbpx

A Xunta impulsa a inserción laboral de 100 novos titulados coas bolsas que permiten colaborar en proxectos de mellora nas Pemes

A Xunta impulsa a inserción laboral de 100 novos titulados coas bolsas que permiten colaborar en proxectos de mellora nas Pemes

A convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun orzamento de 1,12M€, facilitará aos titulados seleccionados a participación, principalmente, en proxectos de mellora do programa ReAcciona, pero tamén nas iniciativas promovidas por clústers e por entidades vinculadas á Unidade Galicia Emprende. Este programa facilitou durante os últimos anos a participación de máis de 300 bolseiros que puideron especializarse participando en proxectos de mellora en empresas, conseguindo traballo case o 55% dos novos titulados. O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde mañá ata o próximo 14 de setembro.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará, a través do Igape, a especialización e a inserción laboral de 100 novos titulados ao abeiro da convocatoria de bolsas formativas para colaborar en proxectos de mellora en pemes galegas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Este programa facilitou, durante os últimos anos, a participación de máis de 300 bolseiros. Máis da metade dos que xa remataron o período formativo, colaborando en varias empresas, atoparon emprego de inmediato.

Cunha dotación orzamentaria de 1,12M€, a nova convocatoria de bolsas formativas para plans de mellora en pemes facilitará a participación dos 100 novos titulados seleccionados en proxectos desenvolvidos a través do programa ReAcciona, principalmente, así como en proxectos impulsados por clústerse por entidades vinculadas á Unidade Galicia Emprende.

O prazo para a presentación de solicitudes polos potenciais beneficiarios -titulados universitarios galegos que obtiveran o título en 2011 ou anos posteriores- estará aberto desde mañá, tras a súa publicación hoxe no DOG, ata o 14 de setembro.

A selección dos 100 bolseiros para participar en proxectos de mellora competitiva de pemes rexerase por un proceso no se que valorará o expediente académico, a formación adicional, a titulación obtida e o coñecemento de idiomas. Os bolseiros seleccionados accederán a formación teórica e un ano de formación práctica colaborando en varias empresas ou entidades que estean a desenvolver proxectos de mellora.

Así, este programa dará un novo pulo aos programas de especialización e inserción laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que promoverá, mediante as convocatorias deste ano, a formación e a colocación de 250 novos titulados a través deste programa de bolsas para proxectos de mellora (100), do programa de bolseiros de internacionalización (arredor de 40) e do programa Principia (110). Os dous primeiros corresponden ao Igape, mentres que a Axencia Galega de Innovación (Gain) desenvolve o terceiro.

Durante os últimos anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitou a especialización en competitividade e internacionalización de 650 novos titulados, máis de 300 a través do programa de bolsas para participar en proxectos de mellora en pemes, 260 a través do programa de bolseiros de internacionalización, que colaboran en proxectos de internacionalización de empresas tanto en orixe como en destino, e 80 no programa Principia.