fbpx

A diagnose como clave para a transformación dixital

A diagnose como clave para a transformación dixital

É un feito que na actualidade a transformación dixital está á orde do día, tanto na sociedade como no ámbito empresarial. O auxe do uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) supón non só cambios a nivel interno da empresa (novos modelos de organización e formulación de novas estratexias), senón tamén un cambio de mentalidade cara a unha cultura dixital que se estende ao interior da empresa, aos clientes e ao resto da sociedade.

Un terzo das empresas españolas xa comezou o seu proceso de dixitalización, segundo datos do primeiro informe de Dixitalización da Actividade Económica en España 4.0. Neste senso, queda moito por facer para que as empresas estean adaptadas ao que nos depara esta nova revolución industrial na que nos atopamos.

Todo isto lévanos a resaltar a importancia de coñecer se a nosa peme está preparada para esta transformación dixital, de maneira que poidamos saber que debemos facer para adaptarnos á nova era industrial e que non quedemos atrás. A continuación describimos as variables que teriamos que analizar para chegar a coñecer o noso grao de dixitalización e detectar os cambios que cómpre levar a cabo:

  • As infraestruturas coas que contamos para que a nosa empresa estea hiperconectada son importantes, polo que a conexión a internet ten que ser axeitada, así como dispoñer de adecuados equipamentos informáticos, servidores e ferramentas de información que permitan a mobilidade e o acceso remoto. Ademais, a conectividade interna favorece que todos os membros e os procesos estean conectados e axiliza os procesos.
  • A nivel dos procesos internos e da organización das tarefas débese camiñar cara á automatización. Isto axuda a aforrar custos de produción e a que haxa un nivel de produción constante e ininterrompido, así como unha produción de calidade máis óptima e máis flexible que se pode adaptar aos cambios do mercado.
  • A nosa relación co cliente debe estar acompañada polas diferentes canles e medios dixitais. Non só lle vendemos un produto, senón que hai que mostrarlle o que somos, xa que a transparencia resulta moi importante nesa relación, en especial para reter os clientes. Ademais, aproveitando a constante conexión dos consumidores a Internet, preocuparse por ter en conta aspectos como o comercio electrónico, a nosa web e as redes sociais é algo primordial.
  • O acceso á información debe ser rápido e masivo, de forma que poida chegar a todos os estratos da empresa. Isto é relevante tanto para o proceso de toma de decisións, como á hora de medir os resultados e a comunicación interna.
  • A hiperconectividade a Internet fai que sexa importante ter políticas de seguridade, tanto a nivel interno como coa información que tratamos e manexamos dos nosos clientes.

Despois de todo o comentado, consideras que a túa peme está realmente preparada para levar a cabo a transformación dixital? Unha maneira de coñecer o estado dixital da túa peme é a través do servizo de diagnose das aplicacións de solucións dixitais do programa de Re-acciona TIC. Recorda que ata o 31 de maio teremos unha convocatoria aberta para solicitar os servizos do novo programa de Re-acciona TIC reacciona.igape.es 

Fonte: www.blog.andaluciaesdigital.espapelesdeinteligencia.com