Por que non teñen éxito as campañas de email marketing da túa peme?

foto-spam

Por que non teñen éxito as campañas de email marketing da túa peme?

Se temos un negocio, interésanos que a comunicación cos clientes á hora de ofertar os nosos produtos ou lanzar algunha campaña publicitaria sexa boa, xa que axuda a que estean contentos co noso servizo, ademais de que fomentamos potenciais compras. Existen moitas formas de comunicarnos con eles, unha delas é o email marketing, moi utilizada para chegar de forma rápida a unha gran cantidade de xente. O seu uso pode ser comercial (campañas publicitarias), informativo ou destinado a coñecer a satisfacción dos nosos clientes.

Un dos problemas que atopan as empresas á hora de utilizar esta ferramenta é que  a mensaxe non chega ao destinatario. Isto débese a que aparece no correo como spam ou correo non desexado, polo que a visibilidade da mensaxe é baixa ou nula. Para tratar de solucionar isto debemos ter en conta os seguintes consellos:

  • No asunto do teu correo electrónico evita usar maiúsculas; inserir gran cantidade de signos de exclamación; empregar palabras como free (gratis), desconto ou oferta; incluír o signo $ ao principio do asunto; ou introducir enderezos de correo electrónico.
  • No corpo escrito da mensaxe no debes utilizar cores moi vivas ou similares ao fondo, fontes moi grandes, un estilo moi comercial ou frases como “faga clic aquí”. Ademais, non debe estar formado por unha soa imaxe ou conter pouco texto.
  • O teu enderezo de correo electrónico non debe empezar por números. Tampouco debe ser un enderezo noreply, xa que tes que fomentar que che respondan para incorporarte a listas brancas de enderezos de correo electrónico que non son spam.
  • Utiliza unha base de datos OPT-IN, de maneira que os usuarios teñan que dar dobre confirmación para ser os teus subscritores. Deberáselles facilitar a baixa na subscrición de forma sinxela e clara. Sempre será mellor facer a túa propia base de datos que comprar listas de enderezos de correo electrónico.
  • Configura unha velocidade de envío (número de correos por hora) que non sexa alta.
  • O dominio que empregues para enviar as mensaxes non debe ser novo. Ademais, evita a utilización de contas de correo gratuítas, como Outlook ou Gmail. Debes empregar outros xestores de correo máis adecuados para facer email marketing, como mailchimp ou getresponse.
  • Comprobar que o noso enderezo de correo non se atopa nunha lista negra, xa que a nosa conta puido ser utilizada anteriormente por outra empresa ou alguén cuxos correos eran considerados spam.

Finalmente, é moi importante que non trates de realizar envíos masivos de forma indiscriminada, o que se coñece como spamming, a xente que non o solicitou.  Como peme debemos tratar de elaborar unha base de datos de clientes que queren recibir as nosas mensaxes de correo electrónico e ter como un dos nosos obxectivos tratar de retelos. Cómpre evitar que o noso enderezo sexa clasificado como correo non desexado e pase a ser spam, xa que iso afecta á nosa reputación como marca.

Tras o comentado anteriormente, na túa peme estás a utilizar o email marketing e tes problemas de spam? Se é así, deberías consultar os servizos que hai dispoñibles de marketing e solucións dixitais de Re-acciona TIC. Hai unha convocatoria aberta ata o 31 de maio para solicitar estes servizos reacciona.igape.es 

Fonte: www.hostinet.comhormigasenlanube.com, donwebayuda.com