A primeira convocatoria do programa ReAcciona TIC da Xunta facilitará o acceso de 65 pemes galegas a servizos de dixitalización e Industria 4.0

A primeira convocatoria do programa ReAcciona TIC da Xunta facilitará o acceso de 65 pemes galegas a servizos de dixitalización e Industria 4.0

A iniciativa da Amtega e o Igape facilita o acceso das pemes a servizos servizos de asistencia, diagnose e/ou soporte na implantación de solucións de empresa dixital e da industria 4.0
Os servizos máis demandados foron os de soporte á implantación de solucións de marketing dixital e os de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa
Están a ser avaliadas as solicitudes recibidas ao abeiro da segunda convocatoria do ReAccionaTIC, e a terceira, xa activada, permanecerá aberta ata o próximo 28 de febreiro

A primeira convocatoria do programa ReAcciona TIC impulsado pola Amtega e o Igape facilitará o acceso de 65 pemes galegas, das cales preto do 80% son microempresas, a servizos de dixitalización empresarial e Industria 4.0. Está previsto que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publique o próximo luns a resolución da concesión destas axudas aos servizos de asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións de Empresa Dixital e Industria 4.0 do Programa ReAccionaTIC.

Os servizos de impulso á empresa dixital serán prestados ás pemes beneficiarias a prezos reducidos por axentes colaboradores, grazas ao cofinanciamento da Xunta. O programa ReAccionaTIC conta cun orzamento total de máis de 2,3 millóns de euros, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola Amtega e 1,11 millóns polo Igape.

Servizos de Empresa Dixital
No ámbito da empresa dixital o Programa Reacciona TIC ofrece servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais na empresa, así como, de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de marketing dixital.

Nesta primeira convocatoria, os servizos máis demandados polos solicitantes foron os servizos de acompañamento para a implantación de solucións de marketing dixital para permitir á empresa optimizar a súa presenza en Internet, seguido dos servizos para a elaboración da diagnose do grao de modernización tecnolóxica co fin de identificar aquelas oportunidades de mellora con maior impacto no incremento da competitividade da empresa.

Servizos Industria 4.0
Reacciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución.

Deste xeito, as pemes poderán acceder á asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0, que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade dos contornos produtivos. Neste ámbito tamén se ofrece apoio para incorporar solucións de índole organizativa e/ou tecnolóxica, ou para a xeración de modelos e realización de procesos.

Coa oferta destes servizos a Administración autonómica busca contribuír a mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias e incorporación de tecnoloxías que permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores especializados, integrada por empresas tecnolóxicas, que as asesorarán e acompañarán en todo o proceso.

Novas convocatorias de axudas

Logo da boa acollida desta primeira convocatoria, coa que se recibiron un cento de solicitudes de empresas interesadas en acceder a estes servizos, están a ser avaliadas as solicitudes recibidas na segunda convocatoria do Programa ReAccionaTIC e a terceira, xa activada, está aberta ata o próximo 28 de febreiro. Haberá, a seguir, unha nova convocatoria en marzo que se prolongará ata fin de maio.

Axenda Dixital de Galicia 2020

Esta actuación enmárcase no establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a Aceleración da Economía Dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na Comunidade. Neste senso, a Axenda Dixital establece que esta aposta converxe co encomendado na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que prevé medidas específicas para impulsar a Industria 4.0.

É por isto que a Amtega e o Igape conviñeron en coordinar as competencias, capacidades e esforzos técnicos, económicos e financeiros, co fin de aproveitar as sinerxías e complementariedade das actuacións encamiñadas a promover a incorporación efectiva e continua das TIC nos sectores produtivos de Galicia, e máis concretamente, para a posta en marcha do Programa ReAccionaTIC.