Por que a empresa familiar debe apostar pola adopción das novas tecnoloxías?

light-bulbs-1875384_1280

Por que a empresa familiar debe apostar pola adopción das novas tecnoloxías?

A empresa familiar é, sen lugar a dúbidas, a forma dominante de organización empresarial no noso país. As características que a definen son unha elevada lonxevidade, moi por riba da antigüidade media do resto de empresas, e o seu compromiso co emprego.

“O 89 % das empresas españolas son familiares e xeran 6,58 millóns de postos de traballo”

Vivimos nunha sociedade de cambio rápido e constante, marcado polas TIC, cambio que tamén debe ser adoptado polas empresas familiares. Desde o respecto á tradición e aos valores das xeracións fundadoras, estas organizacións deben estar preparadas para afrontar os novos retos que se presentan na era dixital e abordalos con éxito. Pero, cales serían as claves que cómpre ter en conta para lograr unha transformación axeitada no seo desas empresas?

• Concienciación da necesidade de adopción das novas tecnoloxías por parte da dirección. O máximo responsable da peme familiar debe converterse no principal promotor do proceso de dixitalización. Ademais, faise imprescindible que comprenda a dimensión e a irreversibilidade do proceso de transformación dixital.

• O valor do equipo humano. A transformación dixital debe interpretarse como un cambio cultural a través da tecnoloxía. Esta distinción é fundamental para comprender o papel que desempeñarán as persoas ao longo do proceso, posto que será necesario un esforzo extraordinario para compasar os ritmos de adaptación á nova cultura corporativa.

“A nova xeración de empresariado familiar afronta dous retos de gran importancia: a transformación dos seus modelos de negocio e a dixitalización”

• A atención á clientela como obxectivo principal. A poboación accede de maneira masiva á rede como protagonista que conta con voz propia e que se comunica a través dela. Neste contorno, as persoas consumidoras xa non esperan recibir algo, esíxeno. Esta nova circunstancia obriga as empresas a redefinir as súas estratexias de marketing e atención á clientela para garantir unha resposta omnipresente e inmediata.

En resumo, a nova xeración de executivas e executivos de empresas familiares debe ter claro que para que as súas compañías sigan crecendo deberán impulsar o cambio. A transformación dixital non escapa a ningún sector e de non adoptala suporía o maior obstáculo para que a empresa poida alcanzar o éxito.

Fonte: estudo La empresa familiar en España (2015) do Instituto de la Empresa Familiar; www.basepyme.es; www.tactiomagazine.es