O Igape destaca o potencial do programa Re-acciona para impulsar a profesionalización na dirección das empresas

O Igape destaca o potencial do programa Re-acciona para impulsar a profesionalización na dirección das empresas

O director do Instituto, Javier Aguilera, participou na apertura da xornada técnica “Como dirixir persoas hoxe?” organizada conxuntamente por APD e o Igape no marco do proxecto Capacita Directivos. Subliña que as pemes deben apostar pola constitución de equipos directivos capaces de definir e aplicar estratexias a medio e longo prazo.

Santiago, 28 de setembro de 2016.-O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe o potencial do programa Re-acciona, impulsado polo instituto dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para impulsar a profesionalización dos equipos directivos das pemes como instrumento para definir e aplicar estratexias de crecemento e consolidación a medio e longo prazo.

Aguilera participou na apertura da xornada técnica “Como dirixir persoas hoxe?” organizada conxuntamente por APD e o Igape no marco do proxecto Capacita Directivos, que se desenvolveu hoxe en Santiago e que incluíu relatorios sobre a aplicación da tecnoloxía e a dixitalización á xestión das persoas, así como sobre as novas tendencias mundiais en xestión de recursos humanos. O programa Capacita incide precisamente na importancia do capital humano poñendo a disposición das empresas unha ampla oferta de recursos de formación e especialización para intensificar a produtividade empresarial, mellorar a súa rendibilidade e contar con profesionais preparados para abordar os retos da Industria 4.0.

O director do Igape salientou que as empresas, especialmente as de pequena e mediana dimensión, deben apostar pola profesionalización de todas as súas áreas de negocio como mellor garantía para definir actuacións axeitadas para adaptarse aos cambios e para reaccionar con flexibilidade e rapidez.

Aguilera lembrou que o programa Re-acciona inclúe diferentes servizos de utilidade para apoiar a profesionalización dos equipos directivos das empresas, comezando polos diagnósticos sobre o potencial competitivo, que avalían máis de corenta factores, tanto técnicos como humanos, das pemes para localizar e propoñer as correspondentes accións de mellora competitiva.

O programa Re-acciona, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, facilitou xa a aplicación de máis de 1.000 proxectos de mellora que beneficiaron a máis de 600 Pemes galegas. Actualmente está aberta, ata o próximo 21 de outubro, a segunda convocatoria correspondente á terceira edición do programa, logo de recibirse arredor de 200 solicitudes ao abeiro da convocatoria anterior.

O director do Igape engadiu que a Xunta, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 está a impulsar accións para procurar que as empresas, especialmente as pemes, dean o salto cualitativo necesario para avanzar no ámbito da cuarta revolución industrial, e sinalou que todas as medidas, para seren eficientes e consolidables, deben partir e ter en conta ao capital humano.