A Xunta informa sobre as novas convocatorias do programa Reacciona para mellorar a competitividade das Pemes

xornada de lanzamento 19-09

A Xunta informa sobre as novas convocatorias do programa Reacciona para mellorar a competitividade das Pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, e a directora de Amtega, Mar Pereira inauguraron a xornada técnica centrada en presentar as novidades dos programas Reacciona e Reacciona-TIC que buscan dar resposta ás demandas de mellora e profesionalización das Pemes Galegas no ámbito da industria 4.0. O encontro incluíu relatorios de experiencias prácticas e unha mesa redonda empresas que participaron en anteriores convocatorias do programa. O Reacciona ten como obxectivo prioritario o de potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente.

Santiago, 19 de setembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, e a directora de Amtega, Mar Pereira abriron esta mañá na Cidade da Cultura a xornada técnica centrada en presentar as novidades dos programas Reacciona e Reacciona-TIC, que buscan dar resposta ás demandas de mellora e profesionalización das Pemes Galegas no ámbito da industria 4.0.

O director do Igape lembrou que a Xunta de Galicia está a impulsar a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 para procurar que as empresas, especialmente as Pemes, dean o salto cualitativo necesario para avanzar no ámbito da cuarta revolución industrial en curso. Salientou tamén a importancia de instrumentos como os servizos achegados polo programa Reacciona para avanzar en aspectos como a xeración de modelos e simulación industrial ou a posta en marcha de solucións 4.0 nas empresas.

Aguilera destacou que o programa ReAcciona pon a disposición das pemes un conxunto amplo de servizos para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial, os protocolos de sucesión na empresa familiar ou a identificación de aliados e redes de cooperación.

Pola súa parte, a directora da Amtega afirmou que un dos obxectivos do Reacciona TIC é facilitar a Pemes e autónomos a dixitalización do seu negocio e a aplicación de solucións industria 4.0 da man dunha rede de axentes colaboradores, integrada por empresas tecnolóxicas, que os asesorarán e os acompañarán en todo o proceso.

Mar Pereira destacou que, para conseguilo, o Programa ofrece un catálogo de servizos, a un prezo reducido, que abrangue desde a diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa, ata servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade para a incorporación de solucións TIC orientadas mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de marketing dixital que permitan optimizar a presenza da empresa en Internet.

O programa está aberto para recibir, a través da web do Igape –www.igape.es/reacciona–, solicitudes das empresas interesadas, que disporán de sucesivas convocatorias, durante os próximos meses, para presentar a súa solicitude.

Fonte: http://www.igape.es