O Programa Reacciona achega ás Pemes galegas formación sobre xestión empresarial e novas oportunidades de negocio

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na presentación da primeira das xornadas técnicas temáticas coas que se complementan os servizos do programa Reacciona, que segue aberto á presentación de novas solicitudes. O encontro centrouse nas últimas modificacións das normativas nos eidos mercantil, laboral ou tributario.

Santiago, 15 de abril de 2015.– A actualización permanente do coñecemento empresarial é fundamental para que os directivos e administradores das pemes poidan mellorar a súa xestión cotiá e aproveitar, ao mesmo tempo, novas oportunidades de negocio.

Así o salientou hoxe o director xeral do Igape, Javier Aguilera, durante a súa intervención na primeira xornada temática ReAcciona, centrada nas novas disposicións legais que atinxen á xestión empresarial.

O director do Igape adiantou que, a continuación, haberá outras xornadas técnicas orientadas a adestrar aos empresarios para que aproveiten novas oportunidades de negocio.

Estas xornadas teñen como finalidade complementar os servizos especializados achegados mediante o programa ReAcciona, que segue aberto á presentación de novas solicitudes polas empresas interesadas.

Na xornada técnica desenvolvida informouse sobre as últimas modificacións das leis mercantís, laborais e tributarias. Un equipo de profesionais de PwC, expertos nas diferentes materias, expuxeron de forma práctica e achegaron recomendacións sobre as mellores prácticas.