Igape impulsará en 2013 a mellora competitiva e a internacionalización de 1.000 empresas a través do Reacciona

Máis de 650 empresas confiaron xa no plan que comezou a desenvolverse o pasado ano

O programa avalía as posibilidades das empresas á hora de saír ao exterior e de iniciar proxectos de mellora da súa competitividade

O 90% dos diagnósticos levados a cabo ata a data reflicten un importante potencial exportador das empresas galegas

Santiago, 18 de febreiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria prevé apoiar en 2013, mediante a elaboración de diagnósticos gratuítos ou coa prestación de servizos avanzados, a un milleiro de empresas que precisen mellorar a súa competitividade ou que desexen iniciar a súa internacionalización, segundo manifestou hoxe o director xeral do Igape, Javier Aguilera, ao presentar os obxectivos do programa ReAcciona para este ano.

Máis de 650 empresas confiaron xa neste programa, que comezou a desenvolverse no último trimestre do pasado ano, para coñecer o seu potencial de internacionalización, contar cun diagnóstico integral de competitividade ou abordar a implantación de servizos avanzados de mellora, segundo revelou Aguilera Navarro. Resultaron positivos o 90% dos diagnósticos sobre potencial de internacionalización realizadas polo de agora, mentres que os servizos avanzados de mellora competitiva están a ser altamente valorados polas empresas que os reciben.

No seu conxunto, o ReAcciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e cunha duración de 2 anos. Con este programa, o Igape realizará máis de 2.000 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade, ao tempo que facilita a implantación de servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias.

O director do Igape lembrou que o programa está aberto de xeito permanente para recibir novas solicitudes das empresas interesadas, que reciben resposta case inmediata á súa demanda de servizos. Ademais, para colaborar na elaboración dos diagnósticos integrais de competitividade ou na implantación dos proxectos de mellora, o Igape conta coa participación dun cento de bolseiros que están a tomar contacto co mundo laboral e a especializarse no marco deste anovador programa.

Entre os servizos avanzados máis demandados polas empresas galegas están os de relanzamento comercial, os de profesionalización da produción ou os destinados a introducir cambios nos procesos de xestión ou a redefinir unha parte do negocio. Algúns dos sectores dos que se está a rexistrar máis demanda destes servizos son os de transportes e turismo, TIC, agroalimentario ou manufactureiro en xeral. Trinta das empresas beneficiarias do programa ReAcciona solicitaron, de xeito progresivo, varios servizos, conformando verdadeiros itinerarios de mellora mediante un traballo acumulativo.
ReAcciona dispón tamén de servizos para o desenvolvemento de proxectos de acción, o deseño dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, a mellora da imaxe e comunicación empresarial, a mellora da xestión por procesos, a profesionalización dos procesos produtivos, a optimización financeira, ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden visitar a páxina web: www.igape.es/reacciona.