Economía e Industria achega ás pemes de Ferrolterra servizos para mellorar a competitividade co programa ReAcciona

A sede do CIS en A Cabana acollerá o próximo día 12 unha xornada técnica sobre a materia

O prazo de presentación de solicitudes mantense aberto e o día 15 conformaranse novos grupos de formación entre as pemes inscritas

Más de duascentas empresas confiaron xa no programa Re-Acciona e están a desenvolver proxectos de mellora

Ferrol, 8 de decembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria está a facilitar melloras da competitividade das pemes mediante os diagnósticos e os servizos avanzados que facilita o Igape a través do programa ReAcciona, que o próximo día 12 serán presentados a empresarios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal nunha xornada de carácter práctico, organizada en colaboración coa Asociación de Empresarios Ferrolterra e que se desenvolverá na sede do CIS, en A Cabana. Para inscribirse e asistir á xornada, os interesados poden dirixirse ao correo electrónico info@empresarios-ferrolterra.org

A xornada técnica do próximo día 12 achegará ás pemes das comarcas as vantaxes e posibilidades asociadas aos diagnósticos e aos servizos avanzados que ofrece o Igape. As pemes desta zona terán preferencia para acceder a estes servizos avanzados, ao amparo do Plan Ferrol, Eume e Ortegal. Entre os obxectivos do Re-Acciona está o de facilitar ao tecido empresarial galego o acceso a servizos de alto valor engadido orientados á achegar novas competencias e habilidades, en especial para o capital humano das empresas.

Ademais de responsables do Igape, tamén participarán neste encontro informativo expertos das empresas seleccionadas polo Instituto para facilitar a implantación dos servizos nas pemes solicitantes, así como un representante dunha empresa beneficiaria do ReAcciona, que explicará a súa experiencia. O programa está preparado para achegar, nunha primeira fase, diagnósticos gratuítos de competitividade ás empresas que os precisen, co fin de detectar e localizar as súas necesidades reais de mellora e orientalas logo cara aos servizos que poidan resultarlles de maior utilidade. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden visitar a páxina web: www.igape.es/reacciona.

O ReAcciona facilita servizos avanzados destinados a facilitar a redefinición de negocio, o desenvolvemento de plans de acción, proxectos de futuro e plans de mellora; a mellora da comunicación empresarial, a mellora da xestión e profesionalización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial, a optimización financeira, ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar. A través do Igape, o programa prevé facilitar, en dous anos, máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade e servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de favorecer a profesionalización e a mellora na xestión das pemes galegas.

O prazo de solicitude dos servizos ofertados a través do programa Re-Acciona está aberto de forma permanente e o próximo día 15 está previsto conformar novos grupos para a formación previa que inclúen. Estes servizos avanzados xa se están a implantar en arredor de duascentas empresas galegas, en colaboración con expertos e novos titulados que, como bolseiros, se están a especializar nestes ámbitos de xestión empresarial.