As primeiras diagnoses do programa ReAcciona de Economía e Industria detectan que o 86% das empresas avaliadas teñen un alto potencial para internacionalizarse

Co ReAcciona a Consellería que dirixe Javier Guerra ofrece diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade, e máis servizos avanzados de alto valor engadido, a custo moi reducido para as empresas

O Instituto Enerxético de Galicia tense sumado a esta iniciativa e tamén ofrece ás pemes diagnósticos gratuítos no eido do aforro e a eficiencia enerxética

Santiago, 26 de agosto de 2012.- As primeiras diagnoses feitas para axudar ás empresas a detectar e desenvolver as súas posibilidades de crecemento no mercado exterior, ao abeiro do programa ReAcciona da Consellería de Economía e Industria, detectaron que o 86% das empresas avaliadas teñen un alto potencial para internacionalizarse.

Con este programa, a Consellería que dirixe Javier Guerra ofrece diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade, e máis servizos avanzados de alto valor engadido a custo moi reducido para as empresas, co obxectivo de facilitar a súa profesionalización e mellora na xestión.

Ata a data lévanse avaliadas máis de 250 empresas, e nun 86% dos casos os diagnósticos son positivos e revelan que as pemes teñen potencial para por en marcha estratexias de crecemento noutros mercados. Naqueles casos nos que a diagnose non resulta favorable, as empresas reciben indicacións concretas sobre os aspectos que deberían mellorar, para ser capaces de proxectarse ao exterior.

As empresas interesadas en avaliar o seu potencial de internacionalización, poden formalizar a súa solicitude a través da web do Igape, que prevé realizar uns 1.400 diagnósticos a outras tantas pemes nun período de dous anos. Para obter información adicional, poden dirixirse ao 902 300 903.

Por outra banda, destacar tamén que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) tense sumado a esta iniciativa co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o emprego de fontes renovables como factor para a mellora da competitividade das pemes galegas. Así, a través do ReAcciona, o Inega desenvolverá servizos de asesoría enerxética, facilitando aos empresarios a posibilidade de facer diagnósticos gratuítos adaptados ás súas necesidades, e ofrecendo os seus coñecementos técnicos para analizar as distintas situacións e propor melloras, de cara a incrementar a competitividade e máis o aforro no eido enerxético nas empresas galegas.