Economía e Industria anima ás empresas de Santiago a apostar pola súa competitividade cos servizos do programa re-Acciona do IGAPE

O director do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera presentou hoxe aos empresarios a primeira das convocatorias do plan, dotado con 5 millóns de euros

As pemes poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de xullo para acceder a máis de 400 diagnósticos e servizos avanzados

Na implantación das melloras nas empresas colaborarán 100 novos titulados titorizados por expertos

Santiago, 19 de xullo de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, interveu este mediodía na xornada de presentación aos empresarios de Santiago da primeira convocatoria incluída no programa re-Acciona da Consellería de Economía e Industria, que inclúe 400 diagnósticos integrais e servizos avanzados de competitividade que as pequenas e medianas empresas poden solicitar ata o próximo 31 de xullo.

Aguilera salientou que o re-Acciona, dotado con 5 millóns de euros para dous anos, suporá un fito na reorientación do Igape cara a prestación de servizos especializados e de alto valor para as empresas. Con respecto á convocatoria que se presentou hoxe, que ofrece servizos avanzados e dianósticos de competitividade, o director do Igape sinalou que servirán para “procurar que as pemes poidan consolidarse, mellorar, medrar e internacionalizarse”. Ademais, destacou que na implantación das melloras de competitividade nas empresas beneficiarias colaborarán 100 novos titulados que se especializarán, tutelados por espertos, e terán así mellores oportunidades para acceder a un emprego de calidade en Galicia.

Segundo se explicou na xornada celebrada esta mañá, a elaboración dos diagnósticos, de carácter gratuíto para as empresas, ten como obxectivo determinar cal é a situación actual de cada peme nos procesos clave do negocio, para, dese xeito, mellorar a súa estratexia e facilitar a incorporación de vantaxes competitivas que aseguren a súa sustentabilidade presente e futura.

Pola súa banda, os servizos avanzados terán un custo moi reducido para as pemes solicitantes e estarán centrados en aspectos vinculados á xestión da empresa. A optimización financeira e a mellora do circulante, a profesionalización da produción, o relanzamento comercial ou a mellora de control de xestión e de proceso son algúns dos obxectivos dos servizos avanzados.

Noutros casos, e segundo as necesidades e demandas de cada peme, abordarán a identificación de redes de cooperación, o asesoramento para a redefinición do negocio ou a mellora da imaxe e a comunicación da empresa. Ademais, estes servizos tamén axudarán aos empresarios e xestores na elaboración e desenvolvemento de plans de acción, de mellora empresarial, ou de plans e protocolos para empresas familiares.

A selección das empresas beneficiarias dos servizos avanzados farase valorando, entre outros criterios, o número de empregados da peme, a localización –dando prioridade ás empresas das zonas con plans especiais de dinamización como son as provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a zona da Costa da Morte–, a existencia dun diagnóstico previo ou a integración da empresa solicitante dentro dun clúster constituído en Galicia.

Na presentación da primeira convocatoria do programa re-Acciona en Santiago participaron representantes de empresas beneficiarias da experiencia piloto desenvolvida previamente, que compartiron a súa positiva experiencia cos empresarios asistentes á xornada.